O Concello de Sanxenxo incrementou as medidas de limpeza e hixiene para facer fronte o coronavirus. Coa crise sanitaria xurdiu tamén a necesidade de modernizar os puntos de recollida de residuos de Portonovo e Sanxenxo.
Nos dous maiores núcleos de poboación do municipio quedan aínda 56 contedores de recollida traseira, un modelo que para o Concello quedou obsoleto pola súa escasa capacidade: 800 litros fronte ao de recollida lateral, que soporta 2.700 litros.
Ademais desta característica, destaca a mellora da seguridade que ofrecen os novos contedores, cuxa tapa pecha automaticamente, evitando así os malos cheiros e os problemas de hixiene que xeran os de carga traseira cando se deixan abertos ou as bolsas desbordan.
En Portonovo retiraranse 44 contedores de carga traseira e en Sanxenxo 12. Os puntos de recollida quedarán agrupados en diferentes illas. O goberno local prevé poñer en marcha os cambios nos primeiros días de xuño.
O Concello manifesta a súa intención de, antes de proceder á substitución dos contedores, contactar telefonicamente con todos os veciños maiores de 70 anos das rúas afectadas das dúas vilas e que non convivan con familiares máis novos que se encarguen de sacar o lixo.
O plan municipal contempla ofrecer un servizo de recollida de lixo a domicilio a uns 80 veciños que reúnen estas características, aos que tamén se unirían outras persoas que, por circunstancias médicas ou problemas de mobilidade, tamén necesiten a recollida domiciliaria.
Neste último caso, as persoas que precisen acceder a este servizo porta a porta deben poñerse en contacto coa Concellería de Medio Ambiente no teléfono 986 744 909.