O Concello de Sanxenxo sae ao paso das afirmacións recollidas nunha convocatoria da Comunidade de Montes de Noalla nas que aseguran que perigan tanto a Festa da Ostra como romaría da Lanzada.
O goberno local asegura que isto é "absolutamente falso", e que traballa para que os terreos nos que se celebran se convertan nunha oportunidade e unha fonte de progreso de Noalla.
Defende o Concello que a comunidade de montes utiliza á administración local para desviar a atención dos reveses xudiciais pola titularidade do monte da Lanzada, tras dúas décadas de litixios pasando polos xulgados de primeira instancia, a Audiencia Provinicial e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia con sentenzas contrarias ás reclamacións dos comuneiros.
Máis aló dese detalle, asegura o goberno municipal, o máis importante é que se trata de espazos de alta protección pola súa riqueza patrimonial e natural, xa que o istmo da Lanzada contén bens de alto valor patrimonial e do mesmo xeito que os terreos do Concello forma parte da Rede Natura 2000.
De feito, asegura o Concello que as proteccións europeas como a Rede Natura 2000 e internacional como o convenio Ramsar e patrimoniais que reúnen estes terreos nunca poden ser un problema senón o contrario, unha oportunidade para os veciños de Noalla.