Sanxenxo adquire 200 novos composteiros e un punto limpo móbil

Sanxenxo
24 de novembro 2019

O goberno municipal pretende así dar un maior impulso á reciclaxe e pide para iso a colaboración veciñal

Composteiros individuais
Composteiros individuais / Deputación de Pontevedra

Coincidindo coa semana europea da xestión de residuos, o Concello de Sanxenxo informou sobre varias medidas coas que pretende mellorar este servizo.

En primeiro lugar o goberno local adquiriu recentemente un punto limpo móbil. Trátase dun remolque compactador con capacidade para 14 m3, que se desprazará polas parroquias para facilitar aos veciños o depósito de residuos sen ter que desprazarse ao momento limpo de Padriñán. Este remolque, no que se investiron 36.565 euros tamén será útil, sinalan, para dar servizo en eventos que concentren moito público.

Por outra banda o Ministerio de Transición Ecolóxica concedeu a Sanxenxo unha subvención de 14.500 euros para a adquisición de 200 composteiros para vivendas unifamiliares, que serán entregados a familias de polo menos catro membros e que dispoñan de xardín. Facilitáseselles un kit composto dun composteiro, aireadores e un termómetro. 

Segundo o goberno local, o municipio xa conta cun composteiro comunitario en Portonovo e 166 composteiros familiares noutras tantas vivendas do rural. A suma con estas 200 unidades máis permitirá compostar os residuos orgánicos de ao redor de 1.700 veciños, o que supón preto dun 10% da poboación.

Para completar estas medidas, desde a concellería de Medio Ambiente pídese ademais a colaboración veciñal co obxectivo de erradicar o que sinalan como "comportamentos incívicos" en relación por exemplo á aparición de verteduras incontroladas ou ao depósito de restos de poda na rúa xunto aos contedores en lugar de depositalos no lugar habilitado para iso no punto limpo.