Sanxenxo adapta os seus colexios electorais para manter a distancia de seguridade

Sanxenxo
10 de xullo 2020

Todos os centros terán accesos de entrada e saída diferentes para evitar aglomeracións e o cruzamento de persoas, así como todas as medidas sanitarias obrigatorias tras o estado de alarma

Pontevedreses votando nas eleccións xerais do 10N
Pontevedreses votando nas eleccións xerais do 10N / Diego Torrado

O Concello de Sanxenxo ten activado o protocolo de seguridade sanitaria nos colexios electorais con motivo dos comicios autonómicos deste domingo. Non haberá cambios nos edificios electorais, pero todos eles estarán adaptados ás normas de distanciamento e aforo e terán os itinerarios que deben seguir os electores marcados no chan.

No CEIP Cruceiro estarán dispoñibles dúas aulas na entrada principal comunicadas entre elas para a entrada e saída de votantes, o pavillón con accesos de entrada e saída diferenciados, e dúas aulas no acceso polo portal pequeno.

O CEIP Telleiro contará con todas as mesas electorais situadas no pavillón con entrada e saída diferenciadas. O CEIP Portonovo dispoñerá de dous espazos, o comedor pola entrada habitual cunha porta de entrada e outra de saída diferenciadas e o pavillón.

No colexio Abrente todas as mesas estarán situadas no pavillón, entrada e saída diferenciadas; no CEIP Magaláns as mesas tamén estarán situadas no pavillón do mesmo xeito que no CEIP A Florida. No CEIP Nantes haberá unha mesa na entrada do colexio e na antiga escola de Bordóns limitarase o aforo para evitar que se acumulen persoas no interior polo seu reducido tamaño.