Sanxenxo adapta o PXOM á "nova realidade urbanística do territorio"

Sanxenxo
03 de maio 2024

Baixo a premisa de adaptar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) á "nova realidade urbanística do territorio e ao marco normativo", o goberno local de Sanxenxo levou este venres a pleno extraordinario unha serie de modificacións do documento "baseadas no interese público e xeral", segundo o alcalde Telmo Martín

Vistas de Sanxenxo
Vistas de Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

Baixo a premisa de adaptar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) á "nova realidade urbanística do territorio e ao marco normativo", o goberno local de Sanxenxo levou a pleno extraordinario unha serie de modificacións do documento "baseadas no interese público e xeral", segundo o alcalde Telmo Martín.

A portavoz do goberno e concelleira de Planificación Urbanística e Vivenda, María Deza, foi a encargada de debullar e explicar en que consisten as catro modificacións que esta mañá aprobáronse en sesión plenaria. Entre elas, a aprobación provisional da modificación puntual nº 8 sobre a delimitación do núcleo rural de Major-Noalla. 

"Este núcleo naceu con moita anterioridade ao PXOM e esta modificación ten como obxecto delimitar o núcleo entre as praias de Major e Pragueira, establecendo a alineación dos viais existentes e dotando o espazo dun aparcamento", apuntou.

No caso da aprobación definitiva da modificación puntual número 1 do plan parcial do SU-12 en Mourelos-Noalla, un dos solos incluídos na suspensión de licenzas declarada en 2017.

"Búscase unha mellor integración paisaxística, redúcese o aproveitamento residencial e a ocupación do solo adaptándose as infraestruturas", explicou. Deste xeito, redúcese substancialmente a edificabilidade en máis de 11.000 metros cadrados e transfórmase as vivendas encostadas en colectivas.

O pleno tamén abordou a aprobación inicial da modificación puntual número 13 do PXOM en Baltar-Adina, así como a modificación puntual nº15 en Vinquiño-Padriñán que afecta á entrada principal ao municipio.

A portavoz do goberno explicou que, nesta última modificación, ademais da nova clasificación do chan, búscase adecuar a contorna de marcado carácter comercial dotándoo de novas zonas verdes, un gran aparcamento público e un espazo de uso asistencial.