Sanxenxo acusa a Pontevedra de intentar "facer negocio" á súa costa coa auga

Sanxenxo
25 de outubro 2017

O goberno local acusa ao Concello de Pontevedra de querer cobrar aos veciños de Sanxenxo por unhas infraestruturas "que nin construíu nin mantén" e por unha auga que administra a Confederación Hidrográfica e o Ministerio de Medio Ambiente. Levará a pleno unha proposta para interpoñer un recurso contencioso administrativo contra Pontevedra polo conflito neste servizo

Praia de Silgar de Sanxenxo vista desde o mar
Praia de Silgar de Sanxenxo vista desde o mar / Mónica Patxot

A historia repítese, segundo Sanxenxo. "En poucas palabras", asegura o goberno municipal, Pontevedra pretende de novo "facer negocio" con Sanxenxo á conta do servizo de abastecemento de auga.

O goberno que lidera Telmo Martín acusa ao Concello de Pontevedra de querer cobrar aos veciños de Sanxenxo por unhas infraestruturas "que nin construíu nin mantén" e por unha auga que administra a Confederación Hidrográfica e o Ministerio de Medio Ambiente.

É a resposta do Concello de Sanxenxo ao acordo adoptado por Pontevedra no que se aprobou o prego de condicións económico administrativas particulares que regulan a licitación do servizo público de auga potable e saneamento

Neste contrato, segundo Sanxenxo, inclúese a subministración de auga en alta a varios concellos, entre eles o seu, de conformidade cos correspondentes convenios. Pero ao goberno local non lle consta a existencia de ningún convenio regulador entre ambos os municipios sobre esta subministración.

A competencia para a prestación deste servizo a Sanxenxo "correspóndelle ao Concello de Sanxenxo e non ao de Pontevedra", sinala o executivo de Telmo Martín.

Sanxenxo entende que a xestión da estación potabilizadora de Couso, construída para dar servizo a varios concellos, "debería realizarse conxuntamente", e máis cando nun futuro próximo, cando finalicen as obras realizadas por Acuaes para renovar o abastecemento aos concellos da ría, "débese constituír un consorcio ou calquera fórmula asociativa para xestionar as infraestruturas comúns". 

O goberno levará a pleno unha proposta para interpoñer un recurso contencioso administrativo contra Pontevedra polo conflito neste servizo.

Sanxenxo lembra que, en 2004, xa se presentou un recurso contra Pontevedra porque o municipio da capital "pretendía cobrar un prezo superior ao custo real que tiña a auga que se fornecía a Sanxenxo", desde unha infraestrutura construída e mantida polo goberno de España. 

Pontevedra "pretendía aplicar a Sanxenxo a tarifa que cobraba a concesionaria do servizo de auga aos pontevedreses e que se xustifica polo servizo que estes recibían desta concesionaria, pero que, obviamente, non no caso dos veciños de Sanxenxo", sinala o goberno municipal.

Arquivado en