Sanxenxo acollerá 70 inmigrantes na segunda quincena de setembro

Sanxenxo
27 de agosto 2024

A Delegación do Goberno comunicou este martes ao Concello de Sanxenxo do traslado de 70 inmigrantes na segunda quincena de setembro que se van a hospedar no mesmo establecemento que na anterior ocasión

Cemiterio de caiucos na illa de El Hierro
Cemiterio de caiucos na illa de El Hierro

A Delegación do Goberno comunicou este martes ao Concello de Sanxenxo do traslado de 70 inmigrantes na segunda quincena de setembro que se van a hospedar no mesmo establecemento que na anterior ocasión.

Desde o goberno local emitiron un comunicado no que sinala que "agradecemos que esta vez nos informen coa suficiente antelación e directamente e non nos tivéramos que decatar polos medios de comunicación, como lamentablemente ocorreu en 2023".

Segundo destacou o Concello, "Sanxenxo acollerá aos 70 inmigrantes coa normalidade, a hospitalidade e a solidariedade que caracteriza aos seus veciños". 

Así, o alcalde Telmo Martín xa adianta que "colaboraremos coa ONG encargada de coordinar a súa estancia co mesmo interese que xa demostramos a vez pasada".

Pero o goberno local tamén engade que "como outros lugares de España, botamos en falta unha maior planificación e liderado do Goberno de España que se conforma con depositar nas ONG, as comunidades autónomas e os concellos a responsabilidade de acoller e facilitar a integración destas persoas". 

No que levamos de ano chegaron a España máis de 26.000 inmigrantes e, segundo o goberno local de Sanxenxo, con maioría absoluta do Partido Popular "un goberno cuxo orzamento permite dar servizos e prestacións sociais a 48 millóns de españois debería ter un plan, unha estratexia e instalacións para xestionar moito mellor a inmigración".