Sanxenxo abre o prazo de solicitudes de novo ingreso nas escolas infantís e aumenta o Plan Concilia

Sanxenxo
06 de marzo 2025

O programa municipal aumentará até as 400, con 100 as prazas ofertadas por quincena, máis do dobre que as do ano pasado

Reunión coas Anpas de Sanxenxo
Reunión coas Anpas de Sanxenxo /

O Concello de Sanxenxo abre o prazo de solicitudes de novo ingreso nas Escolas Infantís Municipais (0-3 anos) do Tombo e O Revel para o curso 2025/26, desde o 7 a 21 de marzo (ambos os dous incluídos).

Fóra deste prazo, xo poderán presentar solicitudes por nacemento, acollemento ou adopción do neno con posterioridade ao prazo de presentación de solicitudes; por cambio de residencia da unidade familiar ao Concello de Sanxenxo; por cambio nas circunstancias laborais dalgún dos proxenitores que o motiven ou por outras circunstancias socio-familiares e que estean debidamente xustificadas polos Servizos Sociais municipais.

As solicitudes presentaranse preferiblemente na sede electrónica do organismo autónomo Terra de Sanxenxo.

Unha vez publicadas as listas definitivas de admitidos será imprescindible presentar a matrícula nas datas que se establezan e aproben por resolución da presidencia e que se farán públicas na páxina web municipal. Ademais será preciso ao cumprimento do calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación.

PLAN CONCILIA DE VERÁN

A concelleira de Educación, Nati Parada, e a tenente de alcalde, María Deza, mantiveron este xoves un encontro cos representantes das Anpas do municipio para exporlles o Plan Concilia para os meses de xullo e agosto, previsto para nenos de entre 3 e 12 anos. O prazo abrirá despois de Semana Santa, aproximadamente desde o 20 de abril e até o 10 de maio.

O programa municipal aumentará até as 400, con 100 as prazas ofertadas por quincena, máis do dobre que as do ano pasado. Unha ampliación coa que se responde a unha das demandas das familias usuarias do servizo.

Trátase de 55 prazas máis que o ano pasado e coas que se calcula que se poderá dar servizo a 180 familias xa que só o 30% dos usuarios do ano pasado asistiron ao programa os dous meses completos.

Tamén se incrementará o horario, de 8 a 15:30 horas, e disporase de servizo de fiambrera. Estas melloras non repercutirán no prezo, que se manteñen os do ano pasado, é dicir 41 euros a quincena e 82 euros o mes completo.

En canto á localización, a actividade desenvolverase nun único colexio, en principio, o da Florida, pola súa localización con respecto ás sete parroquias, aínda que podería estudarse outra alternativa como o de Nantes como se expuxo na reunión. En todo caso, o plan concentrarase nun único colexio para optimizar os recursos municipais e os medios materiais.

O Concello de Sanxenxo colabora ademais con outros plans de conciliación que varios clubs deportivos e asociacións organizan durante os meses de verán coa cesión de instalacións, limpeza e subministracións.