O policía sanxenxino Abelardo Martínez recibe a medalla de ouro en educación viaria na Global Mobility Call

Sanxenxo
19 de novembro 2024

Abelardo Martínez recibiu o premio co seu monicreque do Poli Paco, o primeiro boneco que utilizou para iniciar a educación viaria nos centros educativos de Sanxenxo

O policía sanxenxino Abelardo Martínez recibe a medalla de ouro en educación viaria
O policía sanxenxino Abelardo Martínez recibe a medalla de ouro en educación viaria / Concello de Sanxenxo

No marco da Global Mobility Call, o congreso internacional sobre mobilidade sostible celebrado en Madrid, o policía local de Sanxenxo, Abelardo Martínez, recibiu este martes a medalla de ouro pola súa traxectoria e contribución á educación viaria.

O concelleiro de Seguridade Cidadá e Emerxencias, Xoan Pérez, expresou o "orgullo" de contar no persoal municipal cun policía como Abelardo Martínez.

Considera que é "todo un referente en educación viaria a nivel nacional" que "co seu traballo e dedicación leva o nome de Sanxenxo por todo o país".

Abelardo Martínez recibiu o premio, concedido por Unijepol e Fetevi, de mans da presidenta de Aesleme, Mar Cogollos, co seu monicreque do Poli Paco, o primeiro boneco que utilizou para iniciar a educación viaria nos centros educativos de Sanxenxo.

"Este recoñecemento anímame a seguir traballando en educación viaria, motívame e faime pensar que o premio non é polo que fixen senón por todo o que teño que facer para axudar a mellorar en seguridade viaria", asegura.

O axente Abelardo Martínez leva desde 2008 impartindo formación en seguridade viaria en Sanxenxo e mesmo fóra do municipio, pero foi en 2012 cando creou ao monicreque O Poli Paco, ao que seguiu Ero o Bombeiro, o avó Nicolás e a Poli Lola.

Foi unha idea que xurdiu como unha forma de achegarse aos escolares e que marcou unha tendencia a nivel nacional en materia de seguridade viaria.

O seu modo de impartir seguridade viaria nos colexios fíxoo merecedor de diversos premios como a medalla á Seguridade Viaria de Fesvial, o Premio RACE de Educación Viaria ou o Cidadán Ponle Freno.

Martínez participou en distintos foros, charlas e congresos celebrados en distintos puntos de España para achegar a súa visión sobre a seguridade viaria e como concienciar aos máis novos.

Ademais da rotonda do Poli Paco do colexio da Florida, este ano as concellarías de Educación e de Seguridade Cidadá e Emerxencias publicaron o conto "Aprende seguridade viaria co Poli Paco", un total de 2.000 exemplares que xa están a chegar aos centros educativos do municipio.