Santos Héctor evita pedir dimisións polo "fracaso estrepitoso" do PSdeG, pero si esixe responsabilidades

Pontevedra
27 de setembro 2016

O secretario provincial de Pontevedra móstrase moi crítico con Pilar Cancela porque non deu explicacións á militancia, nin ao partido. Na súa opinión, "estamos ante un feito gravísimo e desde logo non se pode deixar pasar dese xeito" e cuestiona que "aqueles que foron a Madrid de forma apresurada a cambiar as listas aprobadas non comité provincial agora permanecen calados e agochados"

Santos Héctor, secretario provincial do PSdeG-PSOE
Santos Héctor, secretario provincial do PSdeG-PSOE / Mónica Patxot

O secretario provincial do PSdeG-PSOE en Pontevedra, Santos Héctor Rodríguez, insistiu este martes no "fracaso estrepitoso" do seu partido nas eleccións autonómicas do pasado domingo e en que é necesario que os responsables da campaña electoral asuman responsabilidades. A pesar de mostrarse moi crítico co candidato á Presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, como coa presidenta da xunta xestora do partido, Pilar Cancela, evitou pedir a súa dimisión e apela a que sexan eles mesmos os que tomen as medidas que consideran oportunas tendo en conta "a lóxica"

"Xa se sabe cal é a loxica política nestas situacións", indica, e lembra que o peor resultado ata agora do PSdeG nunhas eleccións autonómicas tivérao o actual alcalde de Vigo, Abel Caballero e o, como candidato dimitiu. Tamén saca a colación o caso do ex presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño, que dimitiu tras perder o goberno no ano 2009 a pesar de que el non perdeu catro deputados como pasou nesta cita electoral, senón que repetira resultados con 25 escanos. 

A lóxica, para el, é "que asumas as responsabilidades", pero negou pedir dimisións porque " eles saberán como teñen que asumir esas responsabilidades". En todo caso, considera que a reacción que tivo a presidenta da xestora tras os resultados foi equivocada, pois "nin fixo autocrítica nin sequera análise dos resultados" e "aínda se atreve a buscar responsables fóra".

Santos Héctor móstrase moi crítico con Pilar Cancela porque non deu explicacións á militancia, nin ao partido do acontecido. Na súa opinión, "estamos ante un feito gravísimo e desde logo non se pode deixar pasar dese xeito" e cuestiona que "aqueles que foron a Madrid de forma apresurada a cambiar as listas aprobadas non comité provincial agora permanecen calados e agochados".

"É un escándalo político que non estean a falar claro e que estean a escurrir o vulto", insiste, negando calquera responsabilidade do partido en Pontevedra no resultado electoral. Algunhas voces de partido atribuiron parte do fracaso nas urnas ao "ruído" que se fixo desde a agrupación de Vigo e tamén a nivel provincial cando cuestionaron que a xestora e o Comité de Listas cambiaron a candidatura aprobada en Pontevedra. Ante estas afirmacións, asegura que "nós non fixemos ningún ruído".

Respecto diso, engade que "eu creo que o ruído o fixeron eles coas súas decisións" e que os responsables son a xestora e o candidato porque "eles son os que fixeron a campaña, a pre campaña, tomaron todas as decisións nas candidaturas". Ademais, achega como dato os resultados electorais en Vigo, onde o PP tivo o 34% dos votos fronte ao 42 de Vigo ou Pontevedra, cifras que, ao seu xuízo, significa que "se ese porcentaxe se aplicase a toda Galicia, hoxe Feijóo non gobernaba". 

Arquivado en