Santiago de Compostela marcouse como obxectivo reducir o tráfico rodado que atravesa o centro da cidade e, para iso, dirixiron a súa mirada ao modelo urbano de Pontevedra. Así, unha delegación composta por políticos e técnicos municipais visitou este mércores a cidade para coñecer as solucións adoptadas nos últimos anos en materia de mobilidade e accesibilidade.
"A rúa é un espazo de convivencia e niso Pontevedra é un exemplo", explicou o concelleiro de Espazos Cidadáns e Mobilidade da capital compostelá, Jorge Duarte, tras percorrer gran parte do ámbito peonil da cidade acompañado, entre outros, polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o intendente da Policía Local, Daniel Macenlle, e diferentes técnicos do concello pontevedrés.
Duarte avanzou que Santiago de Compostela quere eliminar "moitos vehículos privados da cidade para recuperar eses espazos para os cidadáns", especialmente aqueles tráficos que colapsan o centro da capital galega buscando aparcadoiro en diferentes ámbitos ou cruzando a cidade "de norte a sur", circulación que buscan evitar en gran medida.
Neste sentido, o edil de Compostela Aberta reiterou que o traballo realizado en Pontevedra é "exemplar" e que tras a peonalización "irreversible" do centro histórico de Santiago, o goberno municipal quere seguir "recuperando espazos" coa eliminación destes tráficos e facer "máis accesibles e máis cómodas" para os cidadáns as rúas da capital compostelá.
Así, Duarte avanzou que o Concello de Santiago "camiña" cara a peonalización da rúa San Pedro e á recuperación para uso dos cidadáns de "zonas periféricas" do centro histórico, algo que irá compasado, segundo explicou, coa mellora do transporte público urbano, unha cuestión que cualifica como "fundamental" nunha cidade como esta.
A comitiva chegada desde Santiago, na que estaban tamén entre outros o concelleiro de Medio Ambiente, Xan Duro, edís da oposición, técnicos municipais e responsables da Policía Local, mantivo un encontro no Concello de Pontevedra para analizar o modelo aplicado na cidade e posteriormente percorreron diferentes ámbitos urbanos para comprobar in situ as solucións adoptadas en cada zona.
Aínda que Jorge Duarte explicou que cada cidade é un "exemplo diferente" e que o modelo de Pontevedra é "positivo", entende que "non todo é extrapolable" pero si cre necesario "asumir certas cousas" como ter unha decisión política "clara" nesta materia, tomar medidas de forma consensuada cos cidadáns e que estes vexan a súa cidade "con orgullo como pasa en Pontevedra" ao recuperar espazo para a convivencia social.