"Que emoción! Tantos anos pasando por aquí desde nena e por fin poder entrar a coñecelo". Foi a expresión dunha veciña da rúa Santa Clara que este mércores puido acceder por primeira vez ao interior dun convento que leva séculos sendo un espectador de luxo da historia da cidade, pero que desde este ano, coa compra do inmoble por parte do Concello, pasará a ser un dos grandes protagonistas do día a día en Pontevedra.
Despois de pechar a compra do convento, de realizar as primeiras visitas e comezar a arrombar unha propiedade que levaba pechada máis de catro anos, as portas de Santa Clara abríronse por primeira vez ao público xeral. E que mellores primeiros convidados que os residentes no barrio.
As estimacións do goberno local quedaron completamente desbordadas ao comprobar que, á hora marcada, as 16.30 horas, as colas estendíanse tanto ata o supermercado como cara ao CGTD. Aínda así, ningún dos preto de douscentos privilexiados que percorreron as estancias do convento e descubriron o impresionante xardín que o rodea quedou sen o seu agasallo de benvida: unha bolsa de tea serigrafiada co só de Santa Clara, así como unha postal e un pin conmemorativo.
A elevada afluencia obrigou aos guias e ao persoal do Concello a establecer ata cinco grupos diferentes que foron accedendo de forma gradual ao interior do edificio. Mentres tanto, os que permanecían á espera podían percorrer con liberdade as súas amplas zonas verdes. Armados móbil en man, as expresións de sorpresa e emoción mesturábanse con relatos de anécdotas da infancia de moitos e moitas pontevedresas que creceron fóra destes muros.
"Moitos cristais rompemos cando xogabamos ao fútbol diante da igrexa", lembraba a súa nenez e a boa relación que mantiñan coas monxas un veciño do barrio. E é que aínda que eran monxas de clausura e o contacto co mundo exterior era moi limitado, as internas mantiñan unha estreita relación cos seus veciños, que acudían ao convento para adquirir doces ou entregar ovos para asegurar que o día da súa voda non caese un diluvio.
De explicar como vivían as monxas no convento aos asistentes ocupáronse os guias e tamén o concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, quen xunto ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores deron a benvida á primeira rolda de visitantes ao novo centro de peregrinación pontevedrés. A partir da próxima fin de semana, as portas do convento volverán abrirse para seguir asombrando a todo o conxunto da cidadanía.