As obras de restauración urbanística e ambiental da rúa Santa Clara xa están adxudicadas. Na mesa de contratación celebrada este xoves decidiuse que as asumirá a empresa Eiriña cun orzamento de 676.199,22 euros e terá como obxectivo devolver a este espazo o seu protagonismo dentro das xoias históricas e patrimoniais da cidade. A reforma permitirá pór en valor a contorna do convento e mellorará a calidade de vida dos residentes en canto a servizos e accesibilidade.
Segundo indicou o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, a praza de José Martí, o tratamento en superficie de beirarrúas e calzada, e a intervención no ámbito do convento de Santa Clara, son elementos esenciais no proxecto. Pero unha das novidades é a proposta de acondicionamento da zona verde situada a carón do hipermercado, actualmente bastante abandonada.
A empresa Eiriña aposta por recuperar un parque público eliminando especies invasoras e dándolle permeabilidade a esta zona de estar. Un parque infantil, unha fonte pública, bancos, iluminación e demais mobiliario urbano permitirán integrar unha zona ata o de agora agochada ao público.
No tocante ao parque infantil, propiamente dito, estará construido sobre un pavimento de caucho con peche e mobiliario propio destas áreas. Disporá dun xogo combinado de tubo, tobogáns, panel de xogos, pontes, plataformas, escaleiras, trepas e un banco plataforma, denominado 'O bosque do oso'. Tamén disporá un carrusel para xogar de pe, un xogo de muelles simple, un xogo de muelles adaptado e dobre, un columpio vaivén, un set de tres setas, un elefante e un rinoceronte.
Significativo será o cambio de ancho das beirarrúas, que oscilarán entre o 1,80 e o 2,50 metros, cando na actualidade hai tramos que non superan o metro, e incumpren os estándares mínimos de accesibilidade.
Fronte ao Convento de Santa Clara recuperarase o adro tradicional cunha superficie de 800 metros cadrados en pedra. Tanto a igrexa como un dos tramos da muralla existentes (preto do Estadio da Xuventude e do aparcamento do centro comercial) serán iluminados seguindo do Plan Director de Iluminación do Centro Histórico.
O proxecto tamén introduce
cambios na praza de José Martí , co obxecto de abrila ao máximo, salvando as diferenzas de cota da rúa. A superficie da praza será pavimentada en lousa de cuarcito raiada, un material moi similar ao existente no solo da igrexa de San Francisco. No centro da praza instalaranse dous bancos circulares, adornados cunha xardineira.