Santa Clara contará co "maior e máis completo" estudo arqueolóxico da historia de Pontevedra

Pontevedra
26 de febreiro 2022

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres a realización dun estudo arqueolóxico e histórico que o Museo de Pontevedra fará sobre as instalacións do Convento de Santa Clara. Trátase do "maior e máis completo da súa natureza que se leva feito en Pontevedra ata o momento" e contará cun orzamento de máis de 286.000 euros

Convento de Santa Clara
Convento de Santa Clara / Mónica Patxot

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres a realización dun estudo arqueolóxico e histórico que o Museo de Pontevedra fará sobre as instalacións do Convento de Santa Clara. Trátase do "maior e máis completo da súa natureza que se leva feito en Pontevedra ata o momento" e contará cun orzamento de máis de 286.000 euros.

Segundo informou o órgano provincial, con este estudo analizarán 15.417 metros cadrados de superficie do complexo conventual cun amplo equipo de traballo multidisciplinar que estará formado por 20 persoas, entre as que haberá arqueólogas, restauradoras, antropólogas, historiadoras, documentalistas e outro persoal técnico.

A empresa adxudicataria terá un prazo para executar o estudo de seis meses, e deberá dar conta dos traballos de campo e documentais en entregas parciais para que, de maneira paralela, o Museo poida avanzar no deseño dun plan funcional para o futuro edificio provincial.

O vicepresidente César Mosquera explicou que este estudo "se fará sobre Santa Clara para recoñecer a súa evolución histórica e arquitectónica e servirá de base ao proxecto de rehabilitación da edificación e recuperación dos espazos exteriores".

Con el, ademais, "quérense coñecer de maneira pormenorizada as posibilidades que oferta o conxunto, que nunca foi estudado e é preciso coñecer e analizar dun só golpe todo o seu interior porque estivo pechado centos de anos. Todos os esforzos serán ben empregados", subliñou Mosquera.

Deste xeito, entre os traballos a realizar están incluídos a investigación e documentación desde o punto de vista histórico-artístico da evolución do conxunto conventual desde as súas orixes ata a actualidade, así como a caracterización das súas fases construtivas. Tamén van a realizar unha lectura estratigráfica dos paramentos das edificacións coa finalidade de recoñecer os diferentes episodios construtivos-destrutivos desenvolvidos ao longo dos máis de 750 anos de historia do convento, e avaliar a potencialidade arqueolóxica deste ámbito do borde do conxunto histórico de Pontevedra que sufriu poucas transformacións desde a Idade Media ata a actualidade.

Así mesmo farán unha lectura clara do subsolo para a redacción e posterior execución do proxecto de rehabilitación do convento, e completarán os traballos de lectura de alzados e estudo histórico-artístico con datos arqueolóxicos, xa que pretenden evitar que as futuras obras de rehabilitación do ben causen afeccións sobre estruturas arqueolóxicas que poidan existir na área a intervir.

Por outra banda, o Museo explicou nun informe que testar as posibilidades de dedicar o amplo recinto conventual a albergar a sede dun novo edificio é "unha oportunidade compatible non só cos seus valores orixinais, coa protección do patrimonio cultural e co seu uso dotacional, senón tamén co propósito municipal de dedicar a horta e os espazos non edificados do recinto conventual a outros usos públicos de goce pola cidadanía".

Ademais, apuntan que a avaliación que resulte dos traballos "axuizaría tamén, e de xeito particular, a posibilidade de dedicar parte do recinto á xestión integral da colección arqueolóxica do Museo de Pontevedra", facendo innecesaria a construción dun novo edificio arqueolóxico en Valdecorvos e rebaixando ou substituíndo parte da superficie inicial a habilitar no subsolo do viario intersticial dos edificios Castro Monteagudo, García Flórez e Fernández López, "necesidades compensadas pola superficie de Santa Clara".