As agresións a profesionais sanitarios mentres están a exercer o seu labor están á alza. Desde a pandemia, aumentaron e os afectados empezan a estar fartos, de modo que empezaron a denunciar situacións que antes calaban "por empatía" co paciente e os seus familiares.
A situación saíu a relucir este xoves no transcurso dunha sesión informativa organizada no Hospital Provincial de Pontevedra.
O interese sobre o asunto é tal que o aforamento se completou e hai xa unha segunda xornada, o vindeiro martes 29 de outubro en horario de tarde.
A sesión correu a cargo de dous profesionais da Policía Nacional. Primeiro tomou a palabra o inspector Manuel Barreira, que ocupa a figura do interlocutor sanitario entre a Comisaría Provincial e a profesionais da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Completou a súa formación o responsable da unidade da unidade Udef-Ciberdelincuencia, o inspector Juan José Varela.
Enma Rodríguez, secretaria provincial do sindicato Satse, constatou que "cada vez hai máis agresións". Na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, no primeiro semestre de 2023 rexistráronse 23 e no mesmo período deste ano 2024 xa van 49.
Nos últimos meses, houbo episodios violentos rechamantes no ambulatorio Virxe Peregrina de Pontevedra e na PAC de Vilagarcía e O Grove.
As máis habituais son as agresións verbais, pero tamén empezan a aumentar as físicas, por iso é polo que decidironn dicir basta. "Agora si que temos que darlle voz, non nos podedes tratar así", explica esta enfermeira.
Diríxese á cidadanía para dicir: "non somos unha figura á que poidades tratar desta maneira, non podemos seguir con esta relación" na que as diferenzas se arranxan con berros, insultos, ameazas e agresións físicas.
Até agora, non se denunciaban porque "temos ese punto de empatía" que os fai calar as agresións porque xustifican o agresor, que está a pasar momentos delicados con enfermidades graves, familiares con risco vital ou situacións complicadas e estresantes. Pero agora rompen o seu silencio porque pasaron da agresión verbal á física, "fannos dano".
Este tipo de comportamentos empezan a minguar a confianza entre o profesional e o paciente, pois ante o temor a que poidan suceder, "estamos a nos protexer" e iso fai que moitas veces a relación sexa máis fría e menos directa.
Alberto Blanco, coordinador de Enfermaría no servizo de Urxencias do Hospital Montecelo, confirma esta situación. El non cre que haxa máis agresións que antes, senón que agora se denuncian máis. "Os profesionais empezamos a ser conscientes da situación".
Así, sostén que "por desgraza, normalizabamos" a violencia física e verbal e denunciaban unha "ínfima parte", pero agora están a tomar conciencia de que non poden permitir ese trato no seu traballo.
O colectivo que sofre máis agresións é o dos médicos e médicas, un 34%, segundo as cifras de SATSE. O 30% son a profesionais da enfermaría, o 13% afecto a administrativos e o 12%, a auxiliares. En xeral, os principais agresores son os propios pacientes, pero tamén hai moitos familiares que lles acompañan e acaban atacando.
Desde a súa experiencia en Urxencias, Alberto Blanco explica que a primeira causa destas respostas violentas son as esperas para recibir atención. "O que espera, desespera, levan a demanda ao extremo e acaba en agresión", relata.
A segunda causa son as intoxicacións etílicas ou por drogas que alagan Urxencias, en especial, durante o fin de semana. Teñen "decenas" cada semana e os pacientes acaban reaccionando de forma agresiva.
Manuel Barreira, o interlocutor sanitario, axúdalles cos seus consellos, enfocados na prevención. "Procuramos evitar que ocorran", relata, e dálles pautas, pois, usando un símil sanitario, "é mellor previr que curar".
O fundamental é "ter un plan" de actuación e aconsella que, cando os profesionais ven a un paciente agresivo ou potencial agresor, nunca lle atenda unha persoa soa ou coa porta pecha, "tratar de estar acompañados e non enfrontarnos en solitario".
Unha das técnicas polas que aposta é "a empatía", pero advirte aos profesionais que tamén esta ten un límite e "non podemos darlle a razón a un paciente porque use a violencia". Iso deben sabelo o sanitario e o paciente e, si non queda claro, chégase á reincidencia.
Esa reincidencia é unha das situacións sobre as que advirten na actualidade, pois as estatísticas do Instituto Nacional da Seguridade Social apuntan a que hai entre un 16 e un 17% de agresores reincidentes, que ven que coa violencia logran os seus obxectivos e volven reaccionar así no futuro.