María ten 49 anos. Hoxe recibiu a vacina contra a covid-19. "Esta noite apenas durmín, pero non polos nervios. Non me daba chegado este momento", explica tras ser inmunizada no Recinto Feiral de Pontevedra.
Ela foi unha das primeiras persoas de 40 a 49 anos, máis aló das pertencentes a colectivos considerados esenciais, que foi vacinada. Como estaba previsto, fixérono co soro monodose de Janssen, polo que conta xa coa pauta completa.
Xunto a ela vacináronse este luns un total de 1.300 persoas en Pontevedra e outras 2.600 no recinto de Fexdega, en Vilagarcía, onde acoden os pacientes do distrito do Salnés.
Como Adrián, que estaba citado para primeira hora e para o que esta cita "é un paso máis para volver recuperar a nosa vida" tras ano e medio marcado por unha pandemia que, no seu caso, afectou moito á súa familia.
"A min, sinceramente, dábame igual que vacuna me ían poñer. Todas son seguras", engade Carlos, que acudiu a vacinarse xunto á súa esposa, tamén incluída neste novo grupo de poboación que será inmunizada nas próximas semanas.
Aínda que se trata do segmento poboacional máis numeroso, ao recibir a vacina de Janssen a inmunización irá bastante rápido, incrementando así a porcentaxe de galegos protexidos contra a covid-19, que actualmente supera xa o terzo da poboación coa pauta completa.
A diferenza doutras convocatorias, nesta ocasión apenas se produciron aglomeracións e colas ás portas do Recinto Feiral e o persoal que coordina este dispositivo logrou acomodar e atender aos pacientes a un bo ritmo.
A vacinación deste colectivo, que será prioritaria nos próximos días, continuará ao longo das próximas semanas, segundo confirman as autoridades sanitarias.