Sanidade suprime corentenas e rastrexo para contactos estreitos de positivos covid na poboación xeral a partir do luns

Pontevedra
04 de marzo 2022

O Conselleiro de Sanidade anunciaba as medidas este venres indicando que só se manterá o control en ámbitos vulnerables. Julio García Comesaña alertaba tamén do incremento de casos durante os últimos días como consecuencia das celebracións do Entroido. Insiste en ter "sentidiño" e manter as medidas de ventilación, hixiene de mans e utilización de máscaras en interiores e en situacións de aglomeración

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade
Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade / Xunta de Galicia

Julio García Comesaña, conselleiro de  Sanidade, comunicaba este venres a decisión de suprimir á poboación xeral as corentenas e o rastrexo para contactos estreitos de positivos covid. A medida aplicarase a partir do luns 7 de marzo. 

Si se manterá a medida de control nos denominados "ámbitos vulnerables", isto é, espazos como residencias de persoas maiores, centros de día, hospitais, centros para persoas con discapacidade e centros penais. 

Carmen Durán Parrondo, directora xeral de Saúde Pública, explicaba a decisión de cambiar o protocolo de vixilancia, aínda que insistía en que o manexo dos casos positivos será o mesmo, de maneira que se lles chamará para preguntarlles polos síntomas, por como deben trasladar a información aos seus contactos directos e posteriormente tamén recibirán unha chamada desde Recursos de Atención Primaria para comprobar a evolución e xestionar a baixa laboral se é necesaria. O que se suprimirá para a poboación xeral será a chamada a contactos estreito, que se realizaba ata o de agora. Estes contactos estreitos non terán que illarse malia que se recomenda que limiten a súa actividade social. Tampouco se realizarán probas diagnósticas agás que estes contactos presenten síntomas da enfermidade.

"Podémonos relaxar? A resposta claramente é non", explicou Durán  Parrondo, insistindo na necesidade de que a poboación manteña as normas sanitarias co uso de máscara en espazos pechados e en zonas de aglomeración, hixiene de mans, ventilación dos espazos e vacinación daquelas persoas que aínda non recibisen as súas doses.

O conselleiro manifestou que Galicia "non cambiará de momento" o rexistro de casos positivos xa sexa a través de probas diagnósticas en centros sanitarios, en farmacias ou a través de  autotest. O obxectivo, indicou García  Comesaña, é ofrecer datos reais.

O máximo responsable da sanidade galega insistiu en pedir "sentidiño" á poboación porque o xoves se detectou un incremento do 26% de casos, este venres un 16% máis respecto ao incremento de onte e a tendencia continúa en ascenso. As autoridades sanitarias relacionan estes casos coas celebracións do  Entroido e temen que poidan seguir incrementándose #ante os actos previstos para esta fin de semana. "Os datos destes últimos días non son tranquilizadores", apuntou.