Sanidade só mantén O Grove en nivel máximo

Pontevedra
10 de agosto 2021

No nivel alto de restricións segue o  concello de Pontevedra, e incorpórase Sanxenxo xunto aos municipios de Meaño, Bueu, Cambados, Marín, Poio, Portas, Soutomaior, Vilaboa e Vilagarcía. En total en toda Galicia hai 65  concellos en nivel alto

Policía Local do Grove vixiando as praias
Policía Local do Grove vixiando as praias / Policía Local do Grove - Arquivo

Só o concello do Grove continúa no nivel máximo de restricións en toda Galicia. Así o comunicou este martes o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que compareceu en rolda de prensa para informar das medidas acordadas tras a reunión do comité clínico sobre a situación epidemiolóxica na nosa Comunidade. 

No nivel alto de restricións segue o concello de Pontevedra, e incorpórase Sanxenxo xunto aos municipios de Meaño, Bueu, Cambados, Marín, Poio, Portas, Soutomaior, Vilaboa e Vilagarcía. En total en toda Galicia hai 65 concellos en nivel alto.

Na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés están no nivel medio os municipios da Illa de Arousa, A Lama, Cuntis, Barro, Ponte Caldelas, Vilanova e Catoira. En toda Galicia son 69 concellos os que están neste nivel medio.

O conselleiro sinalou que os datos confirman que esta quinta onda vai remitindo como reflicte a baixada xeneralizada dos casos activos e tamén a incidencia acumulada a sete días, polo que hai unha evolución favorable. 

Iso si, esta baixada é máis acusada no interior que nas zonas costeiras e máis turísticas, onde se concentran os casos de covid-19.