Cambados recuperará a súa mobilidade para partir do próximo venres. Aínda que inicialmente Sanidade mantivera a este municipio dentro dos que debían seguir no nivel alto de restricións, ao final non será así e a súa situación será similar ao de case toda Galicia.
Así o anunciou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, tras a reunión do subcomité clínico que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia da covid-19.
As autoridades sanitarias revisaron a evolución de Cambados "con máis detalle" esta mesma mañá, en coordinación coa responsables da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés e acordaron aliviar as restricións nel.
A iso contribuíu, segundo García Comesaña, a evolución epidemiolóxica do resto da área sanitaria, que se mantén no nivel medio de restricións salvo Soutomaior, Vilanova de Arousa e Ponte Caldelas, que seguirán no nivel alto e con máis limitacións.
Esta nova reordenación entrará en vigor venres 12, ás 00:00 horas.
Esa foi a principal novidade da comparecencia do titular de Sanidade, que anunciou ademais que, en toda Galicia, os albergues recuperarán o seu funcionamento coas mesmas restricións que os hoteis e cos dormitorios colectivos limitados ao 30%.
Tamén se retomarán as clases de instrumento e vento suspendidas o pasado 26 de xaneiro e as actividades de turismo activo, limitadas a tres persoas máis o monitor.
NON SE DESCARTA AXUSTES NA HOSTALERÍA
O conselleiro de Sanidade sinalou ademais que "probablemente" a próxima semana poderá haber "algún axuste" nos horarios da hostalería e se poidan recuperar as franxas que había antes do mes de xaneiro.
O comité clínico está a traballar nun documento que prevé introducir algún nivel "complementario" aos que existen actualmente e que se aplicará segundo a situación epidemiolóxica de cada municipio.