A Xunta de Galicia aposta polo uso da máscara nos centros educativos galegos a pesar de que desde esta semana xa non é obrigatoria en interiores. O motivo é a taxa de vacinación actual do alumnado, que consideran que aínda debe subir para poder retirar a protección.
Tan só é obrigatorio o seu uso no transporte escolar, pero a Xunta recoméndaa para o alumnado e o persoal e tamén para os casos sospeitosos e contactos estreitos.
A Dirección Xeral de Saúde Pública fixo públicas este xoves unhas directrices sobre o uso das máscaras no ámbito educativo nas que sinala que "resulta recomendable, con carácter voluntario", o uso da máscara no interior dos centros educativos tanto por parte do alumnado coma do traballadores do centro.
O documento recolle que en Galicia o 95,5% da poboación susceptible de vacinar xa está vacinada e, na poboación de 5 a 11 anos, é a comunidade autónoma coa maior cobertura de toda España, con máis do 60% con dúas doses administradas. Con todo, "é preciso aumentar esta cobertura para acadar maior protección" e, polo tanto, "atendendo ás particularidades", apostan por seguir usando a máscara.
Considera Sanidade que neste contexto normativo no que a máscara non resulta obrigatoria é "especialmente relevante" lembrar a importancia de manter o resto de medidas de protección, tales como a hixiene de mans, a ventilación e evitar as aglomeracións.
Ademais, sinalan que débese ter en conta que nos centros educativos pode haber poboación vulnerable entre o alumnado e o persoal docente e non docente, polo que a máscara resulta nestes colectivos vulnerables "particularmente recomendable".
As directrices recomendan "especialmente" o uso "constante" da máscara para casos sospeitosos e confirmados de covid-19 e contactos estreitos de casos. A estas persoas tamén se lles recomenda evitar actividades que impliquen quitala sen manter a distancia de seguridade de 1,5 metros con outras persoas como comer ou beber en presenza doutras persoas.
O uso da máscara nestas situacións debe ir acompañado doutras medidas de prevención como evitar o contacto con persoas de grupos vulnerables e reducir todo o posible as interaccións con outras persoas. Estas recomendacións deberán aplicarse durante 10 días dende inicio de síntomas, dende o diagnóstico no caso de persoas asintomáticas ou dende a data do último contacto no caso de contactos estreitos.
En calquera caso, lembran a recomendación xeral de non asistir ao centro educativo se a sintomatoloxía inclúe cadros febrís.
A obrigación do uso da máscara non se aplica para os menores de 6 anos e para persoas que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que poida verse agravada polo uso da máscara ou que, pola súa situación de discapacidade ou dependencia, non dispoñan de autonomía para quitarse a máscara ou ben presenten alteracións de conduta que fagan inviable a súa utilización.
Nos centros de educación especial que dispoñen de servizo de residencia, a Xunta ve recomendable seguir as indicacións previstas para os centros sociosanitarios, por tratarse de contornos de elevado risco epidemiolóxico por varios motivos, polo que se recomenda con carácter voluntario o uso da máscara aos traballadores e as visitas.