O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou este mércores a reapertura dos centros de vacinación masiva en Galicia. Será a mediados de novembro, coincidindo co inicio da campaña da terceira dose ás persoas entre 70 e 79 anos e para poñer a segunda a todos aqueles que recibiron a monodosis Janssen.
García Comesaña indicou que "o Sergas seguirá apostando por estes centros de vacinación masiva que tan bo resultado deron".
Este mércores 3 de novembro, na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, continúanse administrando as terceiras doses da vacina contra a covid-19 a maiores de 80 anos, xunto coa antigripal, nos distintos centros de cabeceira dos servizos de atención primaria.
Os destinatarios das doses -uns 1.000 usuarios cada día- recibirán unha mensaxe por SMS informando da data e hora así como do lugar ao que que se deben achegar para a administración desta dose de vacina.
Ademais, tanto no Hospital Montecelo como no Hospital do Salnés, seguirase vacinando de segundas doses, e tamén se manterá a autocita e a vacinación libre durante esta semana.
O Sergas lembra que hai dispoñibles máis ocos de autocita en quenda de mañá, para maiores de 12 anos, aos que se pode acceder aínda a través da páxina web do Sergas, da App SERGAS MÓBIL, ou do teléfono 981215930.