A Consellería de Sanidade decidiu manter as restricións derivadas da alta incidencia da covid-19 en diversos concellos da área sanitaria e, nunha edición especial do Diario Oficial de Galicia (DOG) publicada a última hora do mércores mantivo que Pontevedra, Poio, Marín, Sanxenxo, Vilagarcía, Cambados, Meis e Vilanova sigan coas limitacións que, nalgúns casos, están vixentes desde fai máis dun mes.
No caso da comarca de Pontevedra, un informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 14 de outubro indica que a taxa de incidencia global nos últimos 14 días na comarca é menor que a observada na semana anterior e que, por concellos, Pontevedra e Poio son os que amosan o maior número de casos.
No relativo aos indicadores de risco, segundo se recolle no DOG, na comarca obsérvanse "indicadores de alto risco" tales como a incidencia acumulada a tres días na área e período de investigación do brote e a porcentaxe de PCR positivas entre os contactos estreitos dun caso confirmado. Tamén outros indicadores de risco medio.
Aínda que a situación actual amosa "certa estabilidade" tras observarse "unha mellora", a presenza de indicadores de alto e medio risco, o feito de que tanto en Pontevedra coma en Poio se teñan identificado casos nos últimos 3 días, xunto con que en Pontevedra se teñan identificado casos diarios nos últimos 14 días e que o número reprodutivo instantáneo volve acadar valores superiores ao 1, determinan que se recomende o mantemento das medidas.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública sobre a comarca do Morrazo destaca a taxa acumulada rexistrada en Marín, moi similar á a 14 días do conxunto de Galicia. De feito, Marín é o concello en que se rexistrou un maior número de casos nos últimos 14 días.
No caso de Marín, o informe tamén sinala que os grupos de idade máis afectados son os de persoas "moi novas" e que "poderían favorecer a transmisión da enfermidade dada a alta proporción de infectados sen síntomas ou paucisintomáticos". No que se refire aos indicadores de risco, obsérvanse os mesmos de Pontevedra e Poio, de risco alto e medio
Tendo en conta o indicado nos ditos informes, e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria impón, como consecuencia, o mantemento, nos concellos de Pontevedra, Poio e Marín, das medidas de prevención previstas nas ordes do 9 e do 11 de setembro de 2020.
No informe da Dirección Xeral de Saúde Pública sobre a comarca do Salnés indícase que as taxas acumuladas da comarca a 3, 7, 14 días están por debaixo da taxa acumulada a eses mesmos momentos temporais no conxunto de Galicia. Agora ben, destaca a taxa a 14 días de Vilanova de Arousa, Cambados e Meis, todas elas superiores á taxa a 14 días estimada para o total de Galicia. Ademais, en Vilagarcía de Arousa foron notificados casos todos os días dos últimos sete.
Ademais, os indicadores de risco na comarca amosan algúns parámetros de risco alto, como o número de contactos con PCR positiva relacionados cun caso e outros de risco medio como a incidencia acumulada a tres días ou a porcentaxe de PCR positivas entre os contactos estreitos dun caso confirmado na área e período de investigación do brote.
Desta maneira, a situación, con ter mellorado, precisa de manter as medidas establecidas, co fin de poder asegurar o control da situación epidemiolóxica, polo que o informe recomenda continuar coas restricións vixentes actualmente en Vilagarcía, Vilanova, Meis, Sanxenxo e Cambados e a Consellería optou por seguir a recomendación.