Entre as 8.30 horas da mañá deste venres e as 14.15 horas do sábado, a Consellería de Sanidade está a realizar un cribado xeneralizado de toda a poboación da Illa de Arousa para detectar posibles pacientes con covid-19 asintomáticos e, desta maneira, evitar a proliferación do virus no municipio. Desde primeira hora da mañá rexistráronse grandes colas de vehículos na zona do Bao, onde se instalaron as carpas para o cribado.
Sanidade citou para este venres á poboación da Illa de Arousa maior de 15 anos e menor de 70 a través de teléfono móbil para que acudan a este punto no que se instalaron os postos de análise. Unha vez alí, deben facilitar o seu número de teléfono e entregaránselle botes para que poidan recoller a súa saliva e xa o sábado entregala no mesmo lugar.
As persoas que se desprazan ata as carpas instaladas no Bao reciben indicacións de como deben recoller esa saliva, xa o sábado pola mañá, en xaxún, a cantidade necesaria e as indicacións para que a mostra sexa válida para analizar en laboratorio.
A coordinadora médica deste operativo preventivo, a doutora Rocío Pouso Lojo, explicou que o obxectivo deste cribado é "detectar posibles asintómaticos ou casos que non se detectaran" e que, desta maneira, se poida "saber como está a situación do municipio", un dos de Galicia con maior incidencia acumulada a 14 días.
O cribado durará un día e medio. Este venres entregaranse os recipientes para a proba de saliva e o sábado recolleranse e tamén se farán as probas ás persoas maiores de 70 anos. No seu caso, as mostras son diferentes, pois serán mostras nasofarinxeas.
A pesar de que a toma de mostra será diferente por idade, a doutora Pouso Lojo explica que "a análise é a mesma", unha proba PCR. Esas mostras irán todas a un laboratorio do Servizo Galego de Saúde en Vigo e está previsto que toda a poboación poida ter o resultado entre 24 e 48 horas despois da toma das mostras.
En caso de que o resultado sexa negativo, recibirán unha mensaxe de texto no teléfono móbil e se é positivo esas persoas recibirán unha chamada do seu médico de cabeceira.
O xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón González, explicou días atrás que na Illa de Arousa hai 4.958 habitantes con tarxeta sanitaria, dos que 3.664 teñen 15 ou máis anos e, polo tanto, serán sometidos a este cribado. Para facelo posible, traballan 12 profesionais coordinados pola doutora Rocío Pouso, seis equipos facendo a mesma tarefa este venres entre as 8.30 e as 19.30 horas e cinco equipos o sábado, tres para as probas dos maiores de 70 e dous para recoller as mostras do resto da poboación.