Sanidade empeza a inxectar a terceira dose da vacina a 510 usuarios de residencias de Pontevedra, Vilaboa e Ribadumia

Pontevedra
21 de setembro 2021

O director de Enfermaría da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés explicou que a vacinación á poboación residente en centros sociosanitarios empezará este mércores 22 de setembro en dúas residencias de Pontevedra, Campolongo e Soremay; a residencia de Vilaboa; e a de Ribadumia no distrito do Salnés. Para o resto da semana aínda non teñen planificación 

Vacina da covid-19 nunha residencia de Vilagarcía
Vacina da covid-19 nunha residencia de Vilagarcía / Servizo Galego de Saúde

O Servizo Galego de Saúde empezará este mércores a administrar a terceira dose de vacina contra a covid-19 nas residencias da área sanitaria de Pontevedra e o Salnés. Despois dunha primeira xornada este martes en Santiago de Compostela, o mércores a vacinación continúa no resto de Galicia e nesta área sanitaria farao en catro residencias.

O director de Enfermaría da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, Juan Vázquez Vilar, explicou este martes que a vacinación á poboación residente en centros sociosanitarios empezará en dúas residencias de Pontevedra, Campolongo e Soremay; a residencia de Vilaboa; e a de Ribadumia no distrito do Salnés.

Nesta primeira xornada do mércores, segundo fontes de coordinación de vacinación covid da área sanitaria, a previsión é inocular doses a 510 usuarios dos centros. Segundo indicou o director de Enfermaría, para o resto da semana aínda non teñen unha planificación.

A Consellería de Sanidade iniciou a inocular as terceiras doses na residencia Porta do Camiño de Santiago.