Sanidade efectuará no centro de saúde de Vilalonga novos cribados preventivos

Sanxenxo
10 de febreiro 2021

Esta iniciativa preventiva coa intención de ampliar a detección da covid-19 terá lugar durante as tardes do xoves e o venres 11 e 12 de febreiro, así como a mañá do sábado 13 de febreiro

As farmacias pontevedresas participan masivamente no plan de cribado
As farmacias pontevedresas participan masivamente no plan de cribado / Mónica Patxot

A Xunta de Galicia, a través da xestión do Servizo Galego de Saúde, efectuará no centro de saúde de Vilalonga unha nova campaña preventiva con cribados poboacionais con test rápidos de antíxenos cara a detectar o maior número posible de portadores asintomáticos da covid-19.

Esta iniciativa preventiva coa intención de ampliar a detección da covid-19 terá lugar durante as tardes do xoves 11 e o venres 12 de febreiro, ademais da mañá do sábado 13 de febreiro.

Convocarase gradualmente e vía SMS telefónico, á poboación sanxenxina de entre 40 a 49 anos de idade, colectivo que nesta localidade acada arredor de 2.600 persoas.

Para levar a cabo este cribado, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés contará no centro de saúde de Vilalonga con tres equipos de enfermaría en cada turno, que efectuarán tarefas de control e cumprimento das medidas de seguridade, realización e procesado das tomas de mostras e información aos usuarios.

Os resultados negativos destes cribados no centro de saúde de Vilalonga serán comunicados por SMS pola área sanitaria, mentres que os casos positivos notificaránse contactando directamente vía telefónica con cada persoa. 

Este tipo de probas serven para aumentar a detección de casos asintomáticos, así como para precisar as cifras de afectados.

Para este programa de cribados, o Concello de Sanxenxo despregará un operativo especial formado por Policía Local e persoal do servizo municipal de emerxencias para garantir o cumprimento das medidas sanitarias e evitar aglomeracións.

Haberá unha carpa no exterior do centro de saúde con entradas e saídas diferenciadas para que as persoas poidan gardar a súa quenda de forma segura en caso de choiva.

Ademais, desde o Concello recomendan que os veciños e veciñas chamadas ao cribado estacionen na contorna, pero deixando libres os accesos ao centro de saúde.