Sanidade e o Concello de Vilagarcía asinan o convenio que permitirá construír o novo centro de saúde

O Salnés
14 de xaneiro 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela Paz, asinaron este venres un convenio de colaboración para a execución das obras de construción dun novo centro de saúde nesta localidade, de máis de 5.000 metros cadrados, que ampliará nun 55% a superficie do actual

Alberto Varela e Julio García Comesaña
Alberto Varela e Julio García Comesaña / Xunta de Galicia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, asinaron este venres un convenio de colaboración para a execución das obras de construción dun novo centro de saúde nesta localidade, de máis de 5.000 metros cadrados, que ampliará nun 55% a superficie do actual.

Con esta sinatura, García Comesaña dixo que a Xunta ponse mans á obra para redactar os pregos de contratación co obxectivo de licitar, canto antes, o proxecto arquitectónico do novo centro.

Segundo o conselleiro, estes próximos traballos, e o posterior proceso de adxudicación do contrato e de elaboración do proxecto, poderán acompasarse coas actuacións do concello nesta parcela, onde deberá iniciar as obras de demolición do actual edificio da Comandancia para facer a cesión ao Sergas do terreo libre de cargas.

O convenio ten unha cláusula para que, no proxecto do novo centro de saúde se incorpore, se é posible, o mural que actualmente preside a fachada do edificio. Tamén prevé a necesidade de que o Concello realice un estudo de mobilidade nesta zona para ordenar a circulación e garantir un acceso fluído de persoas usuarias e do transporte sanitario.

PLAN FUNCIONAL

O Plan funcional previsto contempla tres consultas de medicina xeral ata chegar ás 17, catro consultas máis de enfermaría, ata as 17 tamén; unha consulta máis de pediatría e dúas máis de enfermería pediátrica, ata chegar a cinco de cada. Terán, tamén, dúas consultas en lugar dunha das áreas de: farmacia, traballo social, matrona, odontoloxía, hixienista dental ou fisioterapia.

Haberá, igualmente, un incremento de dúas salas de técnicas e dunha polivalente, e pásase dunha a dúas salas de reanimación na área de urxencias.

Ademais, terá cinco consultas de docencia onde hoxe só hai unha, e incorpóranse áreas non existentes no actual centro como a sala de illamento, a consulta do programa da muller, a sala pediátrica integral, as cabinas de tratamento e vestiarios do ximnasio de fisioterapia ou consultas médicas e de enfermaría para que poidan acudir especialistas do hospital.