Sanidade e o Concello de Pontevedra avanzan no proxecto do Gran Montecelo

Pontevedra
28 de agosto 2018

Na reunión técnica deste martes participaron o conselleiro Jesús Vázquez Almuiña e o concelleiro César Mosquera e abordáronse as infraestruturas eléctricas e de pluviais do edificio hospitalario

Proxecto do Gran Montecelo
Proxecto do Gran Montecelo / Xunta de Galicia

A Consellería de Sanidade e o Concello de Pontevedra deron este martes un novo paso cara á materialización do proxecto de ampliación do Hospital Gran Montecelo da cidade do Lérez. A tal efecto, o edificio administrativo do Sergas en San Lázaro (Santiago) acolleu unha reunión técnica entre ámbalas dúas administracións.

Por parte do Sergas estiveron presentes o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña; o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa e a directora de Recursos Económicos, María Jesús Piñeiro Bello, así como técnicos do departamento sanitario galego. Por parte do Concello de Pontevedra, asistiron o tenente de alcalde, Cesar Mosquera Lorenzo, e técnicos da Administración local.

No transcurso da reunión técnica, Sanidade deu conta ao Concello da resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, remitida o pasado 27 de agosto, pola que se formula o documento de alcance para a avaliación ambiental estratéxica ordinaria do Proxecto sectorial de incidencia supramunicipal de reforma e ampliación do Hospital Gran Montecelo.

Outros dos puntos que se abordaron na reunión foron as infraestruturas eléctricas e de pluviais do Hospital Gran Montecelo efectuadas polo departamento autonómico sanitario e que serán agora valoradas polo Concello de Pontevedra.

Pola súa banda, a Administración local pontevedresa informou ao Sergas de que está a traballar no vial perimetral previsto no convenio de cooperación subscrito entre ambas institucións públicas.

A tramitación segue os prazos inicialmente previstos, de modo que se prevé licitar e comezar a execución da obra ao longo do ano que vén. Cómpre subliñar que o pasado 7 de xuño, o Consello da Xunta daba luz verde á declaración de incidencia supramunicipal do Proxecto de ampliación do Gran Montecelo.

O proxecto de ampliación do Gran Montecelo conta cun investimento estimado de 140 millóns de euros. Aumentará un 50% máis a súa superficie, pasando de 79.500 a 118.000 metros cadrados.

 

Arquivado en