Este luns 4 de marzo é o Día Mundial da Obesidade e con tal motivo a área sanitaria de Pontevedra e Salnés iniciou unha campaña de divulgación e concienciación con varias propostas que se prolongarán ata o mércores.
No Hospital Provincial e o Hospital do Salnés instaláronse mesas informativas que forman parte do Plan Obesidade Cero en Galicia da Consellería de Sanidade. Nestes puntos repártese material divulgativo para fomentar hábitos saudables e unha alimentación sa. Pola súa banda nos centros de Atención Primaria da área de Pontevedra e do Salnés tamén se dispuxeron mesas informativas atendidas polos nutricionistas das Unidades de Apoio.
Este luns comezaron na Virxe Peregrina, A Parda e Lérez de Pontevedra, así como no centro de San Roque de Vilagarcía e o de Cambados. Este martes 5 atenderán aos usuarios do consultorio de Combarro en Poio; e o mércores 6 nos centros de Atención Primaria de Vilanova e Ribadumia. Neste municipio previuse para esa xornada do mércores un taller sobre dieta saudable dirixido a alumnos de quinto e sexto curso de Primaria do CPI Julia Becerra Malvar.
Estes profesionais sanitarios da nutrición lembran que a obesidade é unha enfermidade crónica e progresiva que afecta biolóxica, psicolóxica e socialmente ás persoas.