Sanidade destina case 2 millóns a novo equipamento electromédico nos centros de saúde

Pontevedra
08 de setembro 2023

A intención do goberno galego é dotar a todos os centros de saúde da área sanitaria de novos dispositivos multidiagnóstico, que van permitir, a través dunha táblet con distintos complementos, realizar co mesmo aparello distintas probas diagnósticas

Pacientes na entrada do centro de saúde Virxe Peregrina
Pacientes na entrada do centro de saúde Virxe Peregrina / Mónica Patxot

Quince retinógrafos, doce ecógrafos portátiles con intelixencia artificial integrada, noventa sistemas de monitorización ambulatoria da presión arterial e cincuenta dispositivos multidiagnóstico de monitorización automatizada de constantes vitais.

É o novo equipamento electromédico que o Servizo Galego de Saúde irá incorporando paulatinamente nos centros de Atención Primaria de Pontevedra de O Salnés.

Forman parte dos contratos que, valorados en 1,80 millóns de euros, aprobou a Xunta.

Este acordo tamén inclúe mobiliario clínico, consistente en 165 padiolas de exploración, trinta de fisioterapia, así coma outras quince de exploración xinecolóxica e 35 padiolas de transporte.

A intención do goberno galego é dotar a todos os centros de saúde da área sanitaria de novos dispositivos multidiagnóstico, que van permitir, a través dunha táblet con distintos complementos, realizar co mesmo aparello distintas probas diagnósticas.

Entre elas, poderán facerse electrocardiogramas e medicións da presión arterial para previr ou controlar problemas cardiovasculares, o control do índice nocello-brazo para previr trombos ou espirometrías para diagnóstico e seguimento de patoloxías respiratorias. 

Así mesmo, os centros que aínda non contan con eles terán dispositivos de monitorización ambulatoria da presión arterial, que o paciente pode levar para casa durante un ou dous días completos da súa vida cotiá e que permiten diagnosticar a existencia ou a evolución de hipertensión.