Sanidade desbota un peche perimetral de Sanxenxo malia que en 7 días triplicou o número de casos activos

Pontevedra
24 de marzo 2021

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, sinala a preferencia do comité clínico en que as forzas de seguridade se centren en manter os controis para evitar aglomeracións en lugar de pechar concellos. Explicaba tamén que Galicia se atopa nunha situación de meseta onde se rexistran una baixada de casos pero dunha maneira máis leve durante os últimos días

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade
Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade / Consellería de Sanidade

Sanxenxo conta esta semana con 24 casos activos por covid, hai unha semana a cifra era de só oito casos. Así o explicaba Carmen Durán Parrondo, directora xeral de Saúde Pública na comparecencia deste mércores co conselleiro de  Sanidade Julio García Comesaña para explicar as decisións adoptadas polo comité clínico e que decretaba que os municipios turísticos de Sanxenxo e Baiona volvesen ao nivel alto de restricións.

Os datos mostran que a incidencia acumulada a sete días en Sanxenxo durante a semana pasada era de 45,9 mentres que esta semana elevouse a 137,8. En Baiona pasouse de ningún caso durante a semana do 15 de marzo a 13 nos últimos días, cunha incidencia acumulada a sete días que supera a cifra de 148 por 100.000 habitantes. Esta subida, segundo as autoridades sanitarias, está relacionada coas numerosas visitas e a apertura turística que se rexistrou durante a ponte de San Xosé e volveron pedir prudencia e cumprimento das restricións á cidadanía para os próximos festivos.

Esta situación provocou que o comité decidira elevar as restricións pero, con todo, o conselleiro de Sanidade afirmou que descartan adoptar un peche perimetral destes municipios durante a Semana Santa. Segundo explicou García  Comesaña, o comité clínico debateu sobre esta cuestión durante a reunión deste martes pero finalmente entenden que as forzas de seguridade deben centrar os seus recursos en controlar as capacidades de clientes nos establecementos e evitar as aglomeracións nas vías públicas en lugar de dedicarse a manter os límites do concello porque "as veces, hai moitos puntos por onde acceder". 

Asegurou que tanto Sanxenxo como Baiona, "se non se toman medidas estarán por encima dos 250 casos" durante a próxima semana. Por este motivo, decidiron anticiparse e adoptar medidas de precaución. 

O conselleiro cualificou de "meseta" o estado no que se atopa Galicia nestes momentos en relación coa pandemia, cun descenso leve e lento de casos despois da caída brusca que se rexistrou días atrás. En todo caso, tanto García  Comesaña como Durán  Parrondo insistiron en enviar á poboación unha mensaxe de "responsabilidade e de prudencia".

Tamén o doutor Pedro Rascado, integrante do comité clínico, lembrou á cidadanía que non debe esquecerse do que está a suceder noutros puntos de España e de Europa con aumento de casos. Afirmou que a situación epidemiolóxica é boa pero a pandemia non desapareceu, porque o virus segue e os rescoldos da anterior onda mantéñense e "poden provocar un lume que, moitas veces, é incontrolable", alertando de que unha cuarta onda provocaría máis restricións, ingresos hospitalarios e falecementos.

Desde a consellería insístese na necesidade de diminuír contactos, sempre mantendo distancia e con máscara, e mellor en espazos exteriores que en interiores. "Sexamos prudentes nestes momentos", afirmou Pedro Rascado.

Este mércores retomáronse, despois da semana de paralización, as vacinacións con AstraZeneca no Hospital Provincial destinadas a persoas que exercen profesións esenciais. Nesta xornada están citados 70 profesionais. En total en Galicia vacináronse 67.700 persoas destes colectivos, máis do 70%. E engadiu que o principal obxectivo segue sendo a vacinación das persoas maiores de 80 anos, dos que xa hai 36.185 persoas con pauta completa na comunidade autónoma dos 98.816 que foron  inoculados.