A pandemia da covid-19 xa deixou 139 vítimas mortais na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. A última confirmouse este sábado 13, aínda que en realidade xa se producira o venres.
Segundo a información facilitada pola Consellería de Sanidade, trátase dun home de 78 años que estaba ingresado no Hospital do Salnés e que presentaba patoloxías previas antes de ser diagnosticado por coronavirus.
Con esta nova morte, en total, o venres 12 houbo tres na área sanitaria, pois o venres xa se dera a coñecer a morte de dous pacientes no Hospital Montecelo, unha muller de 74 anos e un home de 87, tamén con patoloxías previas.
En total, Sanidade informou este sábado do falecemento de 6 persoas que foran diagnosticadas con covid-19, unha delas este sábado 13, un home de 88 anos ingresado no CHUO de Ourense.
Ademais, deuse conta de cinco mortes ata agora non contabilizadas o venres 12 de febreiro, paciente do Hospital do Salnés, unha muller de 93 anos falecida no Centro Galego de Desenvolvemento Integral (Cegadi) de Santiago que procedía da residencia San José de Arzúa e tres pacientes no CHUS de Santiago. Trátase dunha muller de 56 anos e dous homes de 82 e 89 anos.