Sanidade comprométese cos médicos para "estudar" unha reestruturación de centros de saúde

Pontevedra
30 de novembro 2022

A Xunta e os Colexios de Médicos acordaron avanzar no impulso da atención primaria e na compatibilidade da práctica profesional. A Xunta pide aos representantes do médicos apoio para incrementar a capacidade formativa e contar con máis prazas MIR

Reunión do presidente da Xunta co Consello Galego de Colexios Médicos
Reunión do presidente da Xunta co Consello Galego de Colexios Médicos / Xunta de Galicia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou que a Xunta acordou co Consello Galego de Colexios Médicos avanzar no impulso á atención primaria e na compatibilidade da práctica profesional. Estas foron, segundo o conselleiro, as principais conclusións do encontro que presidiu o titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, no que pediu o apoio dos Colexios para incrementar a capacidade formativa e contar con máis prazas MIR e unidades docentes.

Os representantes dos facultativos expresáronlle á Xunta que, na súa opinión, é necesaria unha reestruturación territorial da atención primaria.

Ambas as partes coincidiron durante a reunión no diagnóstico sobre as principais dificultades que afronta o sistema sanitario, fundamentalmente a falta de médicos.

García Comesaña subliñou que desde o ano 2009 xa se duplicaron as prazas de formación de medicina de familia en Galicia e que o 90 % dos profesionais que finalizan esta especialidade quedan traballando no Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Isidro Lago, presidente do Colexio de Médicos de Pontevedra e que agora está á fronte da presidencia rotatoria dos colexios galegos detallou que, ademais da reestruturación do mapa de centros de saúde, tamén expuxeron na reunión outros asuntos como o límite de competencias dos sanitarios ou a flexibilización da compatibilidade dos profesionais sanitarios da sanidade pública con outra actividade privada. 

Neste sentido, Comesaña recoñeceu que "hai enriba da mesa dende hai meses unha interpretación máis flexible cando un centro é concertado ou non que conleve modificacións nos contratos".