O brote de covid-19 detectado no Vao levou ás autoridades sanitarias a elixir esta zona de Poio para realizar o seu primeiro cribado masivo no municipio.
O xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez, confirmou este luns que se farán probas PCR a unhas 400 persoas, tanto residentes no poboado chabolista como nas áreas residenciais da zona.
Para iso, instalarase unha carpa nas inmediacións do local da asociación de veciños. Desde o Concello, a pedimento do Sergas, elaboraron unha listaxe con todos os empadroados no Vao para que sexan chamados para facer as probas.
Ademais, deseñouse un dispositivo de seguridade, no que participarán Policía Local e Protección Civil, para evitar posibles aglomeracións.
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, recoñeceu que a incidencia da covid-19 no municipio está "desbordada" e que o crecemento diario de casos "é grande". Asegura que se prevé unha situación moito peor que na primeira onda da pandemia.
A día de hoxe hai 158 casos activos por covid-19 en Poio, 17 máis que onte.
"Hai que tomar medidas drásticas", sinalou o rexedor, que lle reclamou ao xerente que a este cribado no Vao, que se desenvolverá entre o martes e o mércores, síganlle iniciativas similares noutras zonas do municipio.
Sobral entende que a situación actual "require" que se fagan estes cribados de maneira "urxente" para frear un nivel de contaxios que as autoridades vinculan coas reunións familiares e sociais celebradas durante o pasado nadal.
Ante esta situación, o Concello de Poio pediu aos cidadáns que deban acudir ás súas dependencias para realizar algún tipo de xestión que pidan cita previa para evitar aglomeracións e reforzará todos os servizos nas rúas do municipio.
A maiores pecháronse todas as instalacións deportivas, incluído o ximnasio municipal, durante dez días; incrementaranse as limpezas e desinfeccións e retomáronse servizos que estiveron operativos durante o confinamento como a recollida de lixo a pacientes con covid-19 ou a compra de alimentos para persoas en corentena.
Tanto Luciano Sobral como José Ramón Gómez coincidiron no seu chamamento a que todos os cidadáns de Poio non saian de casa salvo para cuestións esenciais, que fagan unha redución drástica da súa mobilidade e que eviten todo tipo de interaccións sociais.
"Se somos capaces de facelo nas próximas semanas a situación irá mellor e senón seguirán incrementando os casos e a ocupación hospitalaria", concluíu o xerente da área sanitaria.