Sanidade aproba expropiar cinco vivendas para construír o Gran Montecelo

Pontevedra
11 de xuño 2019

Esta expropiación forzosa, que se realiza mediante o procedemento de taxación conxunta, estará a exposición pública durante un mes para que os afectados poidan presentar alegacións, especialmente relacionadas coa valoración dos seus bens

Coches aparcados nas inmediacións de Montecelo
Coches aparcados nas inmediacións de Montecelo / Mónica Patxot

As expropiacións necesarias para ampliar o hospital Montecelo comezan a tramitarse. A Consellería de Sanidade aprobou inicialmente o proxecto que permitirá ocupar os terreos sobre os que se asentará o novo inmoble.

Esta expropiación forzosa, que se realiza mediante o procedemento de taxación conxunta, estará a exposición pública durante un mes para que os afectados poidan presentar alegacións, especialmente relacionadas coa valoración dos seus bens.

Ademais, o Concello de Pontevedra tamén terá un mes para presentar as súas propias reclamacións, segundo consta no documento publicado este martes.

Dentro da relación dos bens afectados, destaca a presenza de cinco vivendas unifamiliares situadas na contorna do actual hospital. Todas elas teñen terreo anexo e, en función dos casos, almacéns, hórreos, piscinas ou baixos comerciais.

A eles súmanse outros dezaoito afectados que, entre os bens incluídos, perderán terreos agrícolas, parcelas de chan rústico, muros de pedra, diques ou portais de acceso.

A Xunta indemnizará tamén, dentro deste proxecto expropiatorio, a cinco titulares de negocios que, debido á construción do novo hospital, deberán trasladarse de localización. Compensaríaselle así os gastos de traslado, a paralización temporal da actividade que supoñerá o peche e a posible perda de clientela.

A adquisición de todos estes terreos será realizada pola Consellería de Sanidade, sendo o Servizo Galego de Saúde o beneficiario destas expropiacións.

As expropiacións foron valoradas en 2.593.487,03 euros e a indemnización que recibirán os afectados oscilará en función do tamaño e o valor das súas propiedades.

Arquivado en