O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou no Parlamento galego que desde este xoves, o SERGAS abre de novo a cita presencial a toda a poboación. Poderase pedir unha consulta física co médico de cabeceira en Atención Primaria a través da web, a aplicación do móbil e por teléfono.
García Comesaña dixo que o Sergas avanza, desta forma, cara a unha maior atención presencial co obxectivo fixado de chegar ao 60% a finais de ano. Os pacientes poderán elixir se a queren presencial ou por teléfono se así o consideran.
Comesaña lembrou que en Galicia "nunca deixou de haber consultas presenciais" posto que podían solicitarse no mostrador dos centros de saúde ou os propios profesionais derivaban aos pacientes si así o consideraban oportuno.
Tamén engadiu que actualmente "hai médicos co cento por cento de presencialidad e outros só co 5% porque é unha decisión do facultativo desde que estamos en pandemia".
García Comesaña tamén dixo que ao 5 de setembro, "o 66% das citas de Atención Primaria saen en dous días ou menos, o 83%, en menos de catro días".
SINTROM
O conselleiro de Sanidade tamén anunciou que se remitirá unha instrución dirixida a todas as xerencias das áreas sanitarias, para que todos aqueles pacientes que acoden aos centros de saúde para o control do seu tratamento anticoagulante oral, o Sintrom, "este seguimento farase nas consultas e non en salas, como ata o de agora, fomentando así unha atención integral de maior calidade e unha maior flexibilidade para os pacientes, ao non limitar o horario de atención".
NOVO SISTEMA
Julio Comesaña tamén explicou que a Consellería está a avanzar, a través dunha comisión de traballo, na mellora da accesibilidade aos servizos de Atención Primaria e na clasificación da demanda, coa implantación do sistema de Xestión Integral da Demanda en Equipo ( XIDE).
"Trátase dun sistema pioneiro en todo o Estado, no que todos os profesionais de Primaria participan en equipo, cada un sempre dentro do seu marco competencial, para dar unha resposta aos pacientes que expoñerán o motivo da súa consulta", dixo.
Con esta medida, "os enfermos poderán ser citados de forma automática co profesional máis adecuado para resolver o problema que el mesmo expuxo, evitando, deste xeito, a citación indiscriminada, sobre todo co médico de familia, e optimizando as súas axendas", segundo resumiu o conselleiro.