Sanidade anuncia novos incentivos para médicos e a oposición rexeita a medida e introduce Sanxenxo no debate

Pontevedra
14 de xuño 2022

O BNG sostén que a Atención Primaria se atopa nunha situación de "auténtica alerta sanitaria" e "as únicas solucións que poñen sobre a mesa son ocorrencias como pisos en Sanxenxo". O PSOE cualificou de "delirante" o convenio entre o Sergas e o Concello, que abre a porta a converter un servizo público nun "mercado de fichaxes" 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no Parlamento
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no Parlamento / EFE / Lavandeira Jr.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou este martes, no Pleno do Parlamento de Galicia, que a Xunta ten preparado un conxunto de medidas con incentivos para aqueles profesionais sanitarios que teñan que facer xornadas complementarias, atender aos pacientes dun compañeiro ausente ou dar servizo a centros sanitarios no rural que necesitan atención de proximidade.

A medida atopou o rexeitamento da oposición e, ademais, volveu poñer na primeira liña do debate sanitario o convenio asinado entre a Xunta de Galicia e o Concello de Sanxenxo para ofrecer vivendas aos sanitarios que reforzan a atención neste municipio durante o verán

A portavoz de Sanidade do BNG, Montserrat Prado, sostén que a Atención Primaria se atopa nunha situación que cualificou de "auténtica alerta sanitaria", consecuencia de 13 anos de recortes do Goberno do PP e que "as únicas solucións que poñen sobre a mesa son ocorrencias como pisos en Sanxenxo ou baños de bosque".

Na súa opinión, con estas propostas están "convertendo nunha poxa a necesidade de dotarse de médicos e médicas" e pregúntase "que pasa cos concellos que non poidan ofrecer pisos na praia? Van ter médicos para cubrir ou non?". Tamén critica que o Sergas lles ofreza ás e aos profesionais "uns incentivos de arredor de tres euros a hora para que asuman o traballo de dous ou tres cupos, para que continúen pola tarde e ademais facer gardas nos PACs". 

Pola súa parte, o portavoz de Sanidade do PSOE, Julio Torrado, cualificou de "delirante" o convenio asinado entre o Sergas e o Concello e insistiu en que a controvertida decisión do goberno galego "rompe coa equidade" sanitaria.

Segundo o socialista, este convenio abre a porta a que os recursos sanitarios se organicen "non polas necesidades sanitarias, senón por que concello ofrece mais" aos profesionais, convertendo un servizo público nun "mercado de fichaxes" e creando un "agravio comparativo" entre os concellos, xa que algúns terán a capacidade de facer a oferta e outros non.

A PROPOSTA DA XUNTA

O conselleiro explicou que o que buscan é "ofrecerlles aos profesionais que teñen que traballar nun marco global complicado como o actual unhas mellores condicións" e por iso propoñen na Mesa Sectorial de Sanidade negociar melloras como o incremento do prezo de intersubstitución que se abona a médicos de familia, pediatras de primaria, odontólogos, fisioterapeutas e persoal de enfermería.

Sanidade ampliará a contía que se paga por cubrir o oco dun compañeiro, e engadirá a este sistema a algunha outra categoría que non o tiña, como a de matrona.

Tamén incrementará o prezo das prolongacións de xornada que está a pedir a médicos, pediatras e persoal de enfermería de atención primaria. Esta prolongación voluntaria estará mellor retribuída e terá mellor fixados os seus obxectivos.

A proposta inclúe incrementar as retribucións dos postos de difícil cobertura e aumentar as contías que se aplican aos factores que retribúen a prestación de servizos en lugares illados e a soidade do profesional por inexistencia doutro.

Nas prazas con estas condicións, Sanidade vai aplicar un incremento nas contías vixentes, facéndoas máis atractivas e, así mesmo, revisará á alza o número de centros aos que se lle aplican estes factores.