Sanidade analiza a expansión sen control da covid-19 no Salnés e decide non cambiar de nivel ningún concello

O Salnés
16 de xullo 2021

Na consellería seguen "preocupando" os incrementos de positivos entre a xente nova. Unha vez máis, como leva facendo varias semanas, piden á mocidade "que se cumpran os protocolos anti covid" e que os adolescentes e novos citados acudan aos cribados poboacionais 

Cribado en Baltar, Sanxenxo
Cribado en Baltar, Sanxenxo / Consellería de Sanidade

A expansión sen control da covid-19 que se está a dar nos últimos días na comarca do Salnés foi obxecto este venres de análisis por parte do subcomité clínico de expertos sanitarios que asesoran á Xunta de Galicia na xestión da pandemia. Pese a que se analizou, non se adoptaron decisións e, polo tanto, o mapa das restricións non sufrirá cambios polo menos ata a vindeira semana. 

O novo mapa estará en vigor a partir da medianoite deste venres a este sábado 17 de xullo e manterá no nivel alto, polo seu alto grao de incidencia, os concellos da Illa de Arousa, Cambados, Vilagarcía e Vilanova. No nivel medio estarán Pontevedra, Marín, Caldas de Reis, e mención á parte teñen Sanxenxo e Poio, que están en vixilancia especial por se teñen que pasar a nivel alto. 

Este venres, unha vez rematada a reunión do subcomité, fontes oficiais da Consellería de Sanidade indicaron que durante o encontro analizouse a situación de novo, "comprobando que hai concellos, sobre todo da comarca do Salnés, que incrementaron os positivos".

Como exemplo dese incremento, en Sanxenxo hai este venres 166 casos activos, 45 máis que o día anterior. Neste municipio, este venres continuarán realizando un cribado poboacional entre a xuventude no PAC de Baltar. 

Sanidade revisará de novo a situación dos concellos o vindeiro martes 20 de xullo na reunión do comité clínico e, mentres tanto, advirten que seguen "preocupando" os incrementos de positivos entre a xente nova. Unha vez máis, como leva facendo varias semanas, piden á mocidade "que se cumpran os protocolos anti covid" e que os adolescentes e mozos citados acudan aos cribados poboacionais convocados por toda Galicia. 

A asistencia aos cribados e a colaboración das persoas que dean positivo son a maneira máis eficaz para realizar traballos de rastrexo e localizar a persoas asintomáticas que poidan expandir a pandemia.

Esa asistencia está sendo baixa. Así, por exemplo, en Sanxenxo Sanidade citou entre mércores e xoves a 1.000 persoas e só acudiron 600, de maneira que 4 de cada 10 non fixeron caso á convocatoria voluntaria. Segundo os datos facilitados polo Concello, detectáronse neses cribados 28 positivos (14 en cada xornada).