A Consellería de Sanidade enviou un comunicado informando de que están a aparecer artimañas referentes á administración da terceira dose da vacina contra a covid-19.
Por este motivo, desde o Servizo Galego de Saúde lembran que as formas de citación execútanse a través de mensaxes SMS ou mediante unha chamada de teléfono, pero só naqueles casos nos que non se localizou á persoa á que está prevista a administración da vacina.
Esa chamada, indican desde a Consellería de Sanidade, só se realiza a teléfonos fixos, nunca a móbiles, e desde este número de teléfono: 881.540.000. Nesa locución, Sanidade diríxese directamente á persoa polo seu nome e apelido. Neste caso, a persoa só terá que contestar marcando o número 1 ou o 2.
Insisten en que na chamada nunca será solicitada información persoal nin tampouco se requirirá o envío dunha mensaxe para contestar un SMS.
Neste sentido, as autoridades sanitarias advirten de que nos casos detectados de enganos, as persoas reciben unha chamada que lles indica que recibirán un SMS, que terán que picar e responder, procedemento a través do que hackean o seu dispositivo.