A ampliación do centro de saúde de Baltar, en Portonovo, será licitada "sen ningunha dúbida" en 2024. Así o sostivo o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que mantivo este xoves unha xuntanza técnica cos profesionais sanitarios para consensuar as melloras que se farán.
No encontro participaron tamén o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, o xerente da área sanitaria de Pontevedra, José Flores; e representantes e técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas, o organismo que se encargará de redactar e licitar o proxecto arquitectónico.
"A reunión foi moi produtiva e escoitamos os profesionais nas súas demandas. Volcaremos no prego todo o que falamos hoxe", subliñou García Comesaña, que recordou que estas obras teñen unha partida de 400.000 euros consignada nos orzamentos da Xunta.
Entre outras, a ampliación do centro de saúde de Baltar permitirá contar con oito novas consultas, maior espazo para a docencia ou novos vestiarios nunha nova planta, o que permitirá gañar máis de 900 metros cadrados para uso sanitario.
Ademais, vaise a reordenar todo o espazo do centro de saúde para que os profesionais e os pacientes estean nas mellores condicións posibles e o Concello comprometeuse a estudar habilitar un aparcamento para os profesionais sanitarios.
O obxectivo é que no centro de saúde de Baltar, segundo o conselleiro, "haxa espazo suficiente para os profesionais que están e os que poidan vir no futuro", para que os residentes desenvolvan a súa tarea no ámbito da docencia e para a base do 061 no verán.
Este centro de saúde, destacou o titular de Sanidade, aumentou o seu cadro de persoal este ano cunha praza de nutricionista de nova creación e o pasado ano coa incorporación dun novo profesional médico con praza fixa.