Tan só unha denuncia tramitou a Policía Local por incumprir as restricións do estado de alarma e, en concreto, a normativa imposta para a fase 2 da desescalada.
Foi a un mozo que estaba sentado cuns amigos nas escaleiras de acceso ao santuario da Peregrina, segundo explicou este luns o Concello de Pontevedra.
Segundo consta no informe policial, o mozo non tiña posta a máscara de protección e, ademais, non estaba a respectar a distancia de seguridade de dous metros con respecto ao resto dos seus amigos, como fixan as normas das autoridades sanitarias.
Os axentes explicáronlle que se non respectaba a distancia de seguridade debía poñerse a máscara, pero o mozo comezou a rirse dos policías e fixo caso omiso ás súas instrucións, polo que acabou denunciado por incumprir o estado de alarma.
Desde que se decretou este período excepcional, a Policía Local impuxo 534 denuncias.
Ademais, o pasado 28 de maio tamén foron denunciados dous locais de hostalería de Pontevedra que superaban o aforo máximo permitido para esta fase 2 da desescalada.