Tres locais de lecer nocturno de Vilagarcía foron multados nos últimos días por incumprir as normas de protección contra o coronavirus. A Policía Local vilagarciá foi a encargada de comprobar a desobediencia á normativa do estado de alarma e agora será a Subdelegación do Goberno a que estudará o caso para impoñer a sanción correspondente a cada caso.
Os establecementos atópanse en tres zonas diferentes do municipio e, segundo o Concello, neles detectáronse comportamentos de especial risco por incumprimento do ditado polo Ministerio de Sanidade para a segunda fase da desescalada pola pandemia da Covid-19.
Co obxectivo de poñer solución ás aglomeracións rexistradas a última fin de semana neste tipo de locais, o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, contactou persoalmente con representantes da asociación de hostaleiros da vila para convocalos a unha reunión que terá lugar o vindeiro mércores.
Desde o goberno local instan a toda a cidadanía a cumprir as normas de seguridade e advirten que un rebrote do virus, ademais de poñer en risco ás persoas, podería obrigar a un novo confinamento para toda a poboación.