Samuel Kwesi, supervivente do Villa de Pitanxo: "Aquel día cheguei a aceptar que ía ser o seguinte en morrer"

Nunca ata o de agora, polo menos publicamente, Samuel Kwesi contara de forma tan explícita os recordos que garda do tráxico naufraxio do Villa de Pitanxo, no que faleceron 21 dos seus compañeiros e do que el foi un dos tres únicos sobreviventes. Fíxoo por primeira vez na homenaxe aos mariñeiros do Playa de Menduíña Dos

Intervención de Samuel Kwesi na homenaxe aos mariñeiros do Playa de Menduíña Dos / Mónica Patxot

Nunca ata o de agora, polo menos publicamente, Samuel Kwesi contara de forma tan explícita os recordos que garda do tráxico naufraxio do Villa de Pitanxo, no que faleceron 21 dos seus compañeiros e do que el foi un dos tres únicos sobreviventes

Fíxoo por primeira vez este luns en Marín, na homenaxe aos mariñeiros do Playa de Menduíña Dos, o pesqueiro galego que auxiliou aos náufragos do Villa de Pitanxo. Alí relatou o que, segundo el mesmo explicou, "levo un ano gardando no meu corazón".

Embargado pola emoción e incapaz de reter as bágoas, o mariñeiro ganés agradeceu o trato recibido polos seus rescatadores porque "me fixestes sentir ben, protexéstesme e ningún de vós deume as costas, todos estabades preocupados por min".

"Salveime do Villa de Pitanxo ao poder saír do barco, pero os que me deron a oportunidade de estar aquí hoxe son estes homes", destacou o sobrevivente do naufraxio, que lembrou como, ao subir ao Playa de Menduíña Dos, "sentín que estaba a salvo".

Antes diso, segundo as súas propias palabras, "aceptei que ía ser o seguinte en morrer", sobre todo tras ver como un dos seus compañeiros, que como el non levaba o traxe térmico, perdía a vida na balsa mentres esperaban porque alguén os atopase no medio do mar.

A súa "esperanza", antes da chegada do barco galego, era un buque portugués que eles mesmos divisaban desde a balsa "pero eles non nos viron". Horas despois escoitaron un chifre detrás deles. Era o Playa de Menduíña Dos. "Aí foi cando souben que non ía morrer", expresou.

"Eu non tiña forza para subir ao barco. Tiveron que axudarme eles", confesou Samuel Kwesi, que apuntou que "nunca na miña vida vou esquecer ese esforzo que fixeron", deixando de lado todo o que estaban a facer para axudarlles.

Estes mariñeiros, engadiu, "son a miña familia" e agradeceulles todo o seu apoio "non por declarar ao meu favor e ao dos meus compañeiros", senón por axudarlles no peor momento das súas vidas "e acollerme enseguida como un máis deles".

Acompañando a Samuel nesta sentida homenaxe aos mariñeiros do Playa de Menduíña Dos estaban os seus pais de acollida, Samuel Gago e Ramona Otero, que recoñeceron que este ano foi "moi difícil" para el, aínda que "aos poucos imos centrándoo".

"Pasou por unha situación moi complicada", sinalou Samuel Gago, que sostén que "el se fai forte e loita por tirar cara a adiante", a pesar de ter que lidar a diario con cuestións "que lle quitan moito a moral".

Ao cumprirse un ano da traxedia, lembra a incerteza que viviron nos primeiros momentos tras o naufraxio porque "non sabiamos se era el ou non" algún dos tres sobreviventes. Non saíron de dúbidas ata que o propio Samuel lles chamou por teléfono.

Escoitar a súa voz, recoñece o seu pai de acollida, "foi un alivio tremendo dentro da dor que sentiamos todos polos que quedaron atrás".

Aínda hoxe Samuel Kwesi "tenos presentes en todo momento", segundo a súa familia adoptiva. "Esperta soñando con eles, pensa sobre eles e ata escoita as súas voces", relata o seu pai. "El lévao moi mal pero loita por saír diso porque a vida segue", sentenza.