Samieira, Raxó e Chancelas estrean 500 luminarias led

Poio
16 de maio 2023

Esta instalación conta cun orzamento de preto de 920.000 euros e se financia nun 80% a través de fondos xestionados polo departamento municipal de Promoción Económica e Urbanismo ante o Instituto para a Diversificación e Aforro da enerxía

Nova luminaria led en Poio
Nova luminaria led en Poio / Concello de Poio

As parroquias de Raxó e Samieira, ademais da parte de Combarro correspondente ao lugar de Chancelas, xa contan con novos puntos de iluminación pública con dispositivos led.

Trátase dunha instalación realizada polo Concello de Poio, a través da concellería de Promoción Económica e Urbanismo, coa intención de ofrecer unha iluminación eficiente, con maior optimización do servizo e unha redución dos custos.

Durante os últimos días instaláronse 500 luminarias en Raxó, Monte da Bouza, Samieira, Arén e Covelo, ademais de emprazamentos situados no lugar de Chancelas, segundo informa o goberno local.

Trátase do 25% do total de luminarias previsto no proxecto de renovación do servizo. Gregorio Agís, concelleiro responsable da área, sinala que Setga é a empresa adxudicataria do servizo e contémplase a instalación de 2.423 novas luminarias en todas as parroquias de Poio.

O orzamento alcanza os 918.000 euros, IVE engadido. A administración local asume o 20% do investimento, mentres que o 80% finánciase a través de fondos europeos xestionados polo departamento municipal co Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía.

O prazo para finalizar a instalación conclúe antes de outubro deste ano. O aforro económico que se logrará para as arcas municipais ascenderá a 70.000 euros anuais grazas á tecnoloxía led, segundo a previsión do goberno local.