Doce agrupacións de toda a provincia, máis de 600 persoas, tinguiron de cor, espectáculo e moita animación a Pasarela de Comparsas do Entroido de Poio, que se celebrou onte pola noite.
A Seca converteuse nun sambódromo no que cada comparsa exhibiu unha a unha as súas creacións, sons e bailes ante o público.

A festa rematou na carpa situada na Reiboa onde, ata ben entrada a noite, público e comparsas gozaron coa animación e música da discoteca móbil Dolce Vita.
Nesta segunda edición da Pasarela de Comparsas participaron as agrupacións locais As Sonecas, Os Canecos, 100Tolos e Grupo de Entroido de Samieira, así como Os Paparrulos, Retrincos, Alegría de Bora, Miúdos, Politicamente Incorrectos, Cor Café, Os da Caña e Os amigos dos rapaces.

O xurado, composto por profesionais locais de diferentes eidos, fixeron mencións especiais á comparsa máis colorida, que recaeu nos Retrincos; orixinal, Paparrulos; máis elaborado, Cor Café; mellor interpretación musical, 100Tolos; mellor vestiario, As Sonecas; máis interacción co público, Amigos dos rapaces; coreografía, Os Miúdos; mellor posta en escena, Grupo de Entroido de Samieira; mellor animación, Os Canecos; mellor espectáculo, Os da Caña; imaxe, Alegría de Bora; e máis simpatía, Politicamente incorrectos.

O entroido de Poio continúa hoxe sábado 29, a partir das 17.30 horas, co Enterro do Galo Bruxo en Samieira, que celebra o seu 30 aniversario, e a Festa da Filloa.

O desfile sairá desde a Praza da Amalita (Arén) ata Río de Bois. Organizan SCD Galo Bruxo e SCD Samieira.
A continuación, celebrarase o Enterro do Galo Fodorico, a partir das 21.00 horas na Praza do Concello.
A saída do cortexo fúnebre será desde os Canos e a incineración do Galo farase diante do Mosteiro.
A Festa Choqueira organizada pola ACV Ronsel comezará a partir das 21.30 horas, con premios nas categorías individual, parella e grupo.
A festa estará amenizada polo grupo Rever, e repartirase chocolate quente e biscoito entre os asistentes.