Presentación das actividades do Samaín 2024

Un Samaín terrorífico en Bueu con numerosas actividades para a cativada

Bueu
21 de outubro 2024

O programa, que se celebra o 31 de outubro no Parque Ramal dos Galos, incluirá obradoiros terroríficos, decoración, animación dunha cabaza xigante, concurso de cabazas, contacontos e chocolatada

Presentación das actividades do Samaín 2024
Presentación das actividades do Samaín 2024 / Concello de Bueu

O Parque Ramal dos Galos será o epicentro da maior parte das actividades que se organizarán en Bueu para celebrar o Samaín.

Será o próximo xoves 31 de outubro e terán o medo e o terror como auténticos protagonistas.

Así, haberá xogos e actividades diversas para a cativada e para as persoas adultas.

A xornada arrancará ás 16:30 horas cun obradoiro de elaboración de chapas terroríficas, no que as persoas participantes poderán deixar voar a súa imaxinación e crear os seus propios deseños.

Para esta actividade haberá dúas quendas, ás 16:30 e ás 17:30 horas, e as inscricións deberán facerse a través do correo electrónico cultura@concellodebueu.gal ata o 29 deste mes.

A continuación, ás 18:30 horas, Caxoto sorprenderá co espectáculo Contos de medo que deixan durmir, no que se presentarán personaxes sinistras que percorren pola noite os camiños, como a Santa Compaña, a morte, as magas, o sacaúntos, o home lobo, os tronantes ou as mouras.

Ademais haberá animación para decorar unha cabaza xigante, un concurso de cabazas iu chocolatada e todo iso acompañarase cun parque decorado de forma terrorífica para a ocasión, coa recreación dun cemiterio, entre outras propostas

A maiores, outros colectivos da vila organizan actividades para celebrar esta data. Tal é o caso da Libraría Abrente, que continúa cos contacontos o 26 de outubro.

Ese día ás 12 horas, o Estaleiro de Purro acollerá unha sesión na que se presentarán os contos Una casa monstruosa, Hay un fantasma en esta casa, ¡Mira por la ventana!, Un dous tres, vampiro ti es e O noso Samaín, contos en galego e castelán adaptados a todas as idades.

O día 26 haberá tamén propostas en Cela e en Beluso.

A Asociación Amodiño organizará no pavillón de Beluso unha serie de actividades paralelas para todas as idades. Entre as 17 e as 20 horas, haberá nos diversos espazos un túnel do terror, manualidades terroríficas (de decoración e pintacaras) e xogos en familia.

Pola súa banda, en Cela haberá un magosto coa Asociación Costumes de Cela, que terá lugar a partir das 16:30 horas no adro da parroquia. Nel haberá castañas de balde, animación, xogos tradicionais, obradoiro de magosto, inchables e bebidas a prezos populares.