Chega o Samaín... e na Finca de Briz sábeno

Marín
18 de outubro 2024
Actualizado: 31 de outubro

A finca inicia a súa transformación para converterse nun parque de medo polo Samaín. Os operarios da Fundación Juan XXIII xa traballan para crear os famosos tuneis do terror

Samaín na finca de Briz
Samaín na finca de Briz / Concello de Marín

Na véspera do Día de Todos os Santos a Finca de Briz pasará a ser O Parque do Terror.

Xa comezou a transformación deste espazo para que o 31 de outubro volva ser un día inesquecible en Marín, coa ambientación completa da finca para conmemorar esta Noite de Defuntos nun ambiente de ocio e de espectáculo.

Os operarios da Fundación Juan XXIII xa están a crear as estruturas nas que se montarán os túneles do terror, que xa teñen nome: "Hotel Terror Cañeiro", da Comparsa Os da Caña, e "O Taller Esquecido", do Club Deportivo La Peña.

Este venres, a concelleira de Festas, Marián Sanmartín, fixo pública a imaxe desta nova edición e desvelou algúns detalles da programación que, como outros anos, contará con varias estacións de medo de acceso libre repartidas por todo Briz, e que estarán a cargo das comparsas Val do Lérez, Cor Café e As Sonecas, así como outros colaboradores.

A apertura será ás 18.30 horas e haberá programación e actividades ata ben entrada a madrugada.

Sanmartín recorda que as rutas "terán cola e haberá que esperar", pero asegura que paga a pena desfrutar dos sustos.

A maiores, entre as 19.00 e as 23.00 horas haberá espectáculos na lagoa central, así como postos de comida e ambientación musical.

Para os máis peques da casa e para desfrutar en familia estará habilitada de 18.30 a 22.00 horas a zona do PequeSamaín, con pintacaras, xogos, animación, baile das Zumbis...

O Concello agradece a comprensión polo peche dalgunhas zonas do parque para os labores de montaxe e anima a toda a veciñanza a participar, cos seus mellores disfraces, dunha festa que pon á vila no mapa das festividades de outono de toda Galicia "estamos encantados de que sexa un auténtico referente", dixo a concelleira.