'Salvemos a Fracha' volve pedir unha reunión con Ana Pastor e Lores tras o anuncio "oportunista" sobre a A-57

Pontevedra
14 de abril 2015

O colectivo asegura que o anuncio de que as obras empezarán en verán "responde a un interese por sacar rédito electoral no que coinciden a ministra do PP e o alcalde do BNG". Repróchalles que "non dubidan en mentir aos cidadáns" insistindo en que A-57 é unha circunvalación para Pontevedra cando todos os técnicos consultados por Salvemos a Fracha negan que cumpra as condicións para funcionar como tal

Plano do trazado da autovía A-57
Plano do trazado da autovía A-57

A plataforma veciñal 'Salvemos a Fracha' reitera a súa petición de manter unha reunión coa ministra de Fomento, Ana Pastor, e co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, para abordar o proxecto do primeiro tramo da autovía A-57, entre Vilaboa e A Ermida. O colectivo denuncia unha vez máis que tanto o ministerio, promotor da obra, coma o Concello ignoran os afectados pola autovía e se negan a manter unha reunión con eles, de modo que insiste en volver pedilo.

Esta petición chega despois de que o colectivo lese "con estupor" o anuncio de Ana Pastor de que as obras comezarán en verán e insisten en que nesa reunión os técnicos da plataforma "poderían aclararlles conceptos que parece que non teñen claros", tales como a diferenza entre circunvalación e corredor. Ao respecto, explican que a A-57 non é unha circunvalación a Pontevedra como se refiren á obra Pastor e Lores, senón que "é unha falsa circunvalación, é un corredor norte-sur". "Saberán cal é a diferenza entre circunvalación e corredor norte-sur que non comunica a Pontevedra?", pregúntanse.

O colectivo considera "oportunista" o anuncio e asegura que "responde a un interese por sacar rédito electoral no que coinciden a ministra do PP e o alcalde do BNG". Na súa opinión, para conseguir ese rendemento electoral Ana Pastor e Lores "non dubidan en mentir aos cidadáns" insistindo en que a A-57 é unha circunvalación para Pontevedra cando todos os técnicos consultados por 'Salvemos a Fracha' negan que cumpra as condicións para funcionar como circunvalación e os propios redactores do proxecto de Fomento se refiren a esta infraestrutura como "corredor".

A través dun comunicado, a plataforma veciñal insiste en que neste proxecto non se moven para responder aos intereses dos cidadáns senón ao seus para intentar gañar votos enganando aos electores, pois o alcalde "só presume dos premios que recibe o centro urbano de Pontevedra e esquécese do rural" e a ministra "reproduce as políticas do progreso mal entendido que priorizan o asfalto en épocas de recortes en servizos públicos como sanidade ou educación".

'Salvemos a Fracha' insiste na petición de que o Ministerio de Fomento repense a autovía A-57 e pide que non apure os trámites para poder rabuñar uns poucos votos cando o proxecto foi denunciado na Audiencia Nacional e está pendente de que se resolva a petición de paralización preventiva das obras.

Arquivado en