A plataforma cidadá 'Salvemos a Fracha' segue a promover accións públicas e reivindicativas dentro da súa campaña informativa sobre o proxecto da autovía A-57 e, máis concretamente, o seu primeiro tramo entre Vilaboa e A Ermida, o único que xa está en fase de licitación e conta co informe medioambiental aprobado.
A súa última actuación é unha xornada informativa aberta a todos os cidadáns coa que se pretende favorecer o debate arredor desta vía "e dos numerosos atentados que está a sufrir o rural nos últimos tempos".
A xornada informativa, que leva por título Política do chapapote. Atentado contra a integridade do rural, está programada para as 20.00 horas deste xoves 29 de xaneiro na Casa das Campás de Pontevedra e conta coa participación do enxeñeiro técnico agrícola Ángel Bravo e do mestre e presidente da Mancomunidade de Comunidades de Montes de Pontevedra Carlos Morgade.
Ambos os dous promoverán o debate sobre o gravísimo impacto que provocará a A-57 na serra da Fracha e no rural pontevedrés e como se está a destruír o entorno rural e social de Pontevedra como consecuencia das políticas do asfalto que se promoven nos tempos actuais. Analizarán a temática global dende unha perspectiva socio-económica e ambiental.
Carlos Morgade fará unha intervención máis xeral centrada en analizar a actualidade do medio rural galego e nos usos e ameazas dos montes comunais. Ángel Bravo, autor do informe presentado por Salvemos a Fracha contra o estudo de impacto ambiental deste primeiro tramo da A-57, rematou recentemente un novo informe sobre esta autovía para acompañar o recurso contencioso-administrativo presentado pola plataforma contra o proxecto. Este xoves fará unha análise da necesidade e impacto ambiental desta infraestrutura.