O Estudo de Impacto Ambiental da autovía A-57 entre Vilaboa e A Ermida, en Marcón, ten "anomalías gordas". Con ese argumento, e polo "grave impacto" que a infraestrutura terá ao longo de todo o trazado a plataforma cidadá 'Salvemos a Fracha' presentara alegacións ante o Ministerio de Fomento. Pese a todo, e a que alegaron tamén os concellos de Pontevedra e Vilaboa e colectivos como Vaipolorío, a Sociedade Galega de Historia Natural e a asociación Lobo, ese estudo aprobouse nunha Declaración de Impacto Ambiental favorable no mes de agosto. Agora, o colectivo anuncia que acudirá á vía xudicial contra o contido dese documento.
Os voceiros do colectivo compareceron este sábado en rolda de prensa e anunciaron que teñen a "firme convicción" de levar esa Declaración de Impacto Ambiental á vía contencioso-administrativa co fin de solicitar a paralización dun proxecto contra o que amosan o seu rexeitamento frontal e para o que propoñen como alternativa a liberalización da autopista AP-9.
Segundo indicaron, "a día de hoxe a plataforma non foi notificada" do contido da DIA a pesares de ter presentado alegacións á mesma. Ademais, o presidente do colectivo, Salvador Calviño amósase moi crítico co Concello de Pontevedra e co Ministerio de Fomento. Da Administración local indica que "estamos á espera de que nos de unha resposta sobre a súa postura" e opina que "o Concello está moi equivocado ao recibir esta obra". De Fomento e da ministra, Ana Pastor, critica que teña o empeño nesta obra só pola sua vinculación con Pontevedra. "Se a ministra quere deixar a súa pegada en Pontevedra, preferimos que deixe unha estatua", sinalan e recordan que no Estudo de Impacto Ambiental detectaron "moitas anomalías no proxecto", sostén.
"Se a ministra quere deixar a súa pegada en Pontevedra, preferimos que deixe unha estatua"
O enxeñeiro técnico que elaborou as alegacións da plataforma ao Estudo de Impacto Ambiental, Ángel Bravo, avaliou a proposta dos Orzamentos Xerais do Estado para 2015 dada a coñecer esta semana, na que se recolle un investimento de 25 millóns de euros para o primeiro tramo da autovía A-57, un percorrido de 6,4 quilómetros entre A Ermida e Marcón ao que se refire a Declaración de Impacto Ambiental aprobada.
Na súa opinión, as contas "consuman o disparate" da A-57 e a "irresponsabilidade" de meter este investimento inicial de 25 millóns no primeiro tramo "sen calendario nin prazos para os seguintes". Vilaboa-A Ermida custará uns 100 millóns de euros, pero todo o proxecto de autovía suporá un desembolso que "cos cálculos máis baixos chegará aos mil millóns de euros para non solucionar absolutamente nada".
'Salvemos a Fracha' insiste en que a A-57 non é unha circunvalación, que é o concepto co que se vende aos pontevedreses. Ángel Bravo explicou que "ningún documento técnico menciona ou nombra esta obra como circunvalación" porque "o que se vai facer non é unha circunvalación, é un corredor" e a circunvalación a Pontevedra da que se leva falando décadas "nin se executa nin está prevista".
"Estamos á espera de que o Concello nos dea unha resposta sobre a súa postura, está moi equivocado ao recibila"
Un dos obxectivos de Salvemos a Fracha é "informar á cidadanía de que se lles está enganando" e que "non se fai unha circunvalación de Pontevedra, é un engano aos pontevedreses", senón que o primeiro tramo da A-57 para o que hai orzamento no vindeiro 2015 é un percorrido de 6,4 quilómetros entre A Ermida e Vilaboa que "non comunica as parroquias, non beneficia aos pontevedreses nin lles facilita ir ás súas casas", dixo Salvador Calviño.
Unha das voceiras da plataforma, Blanca Barrio, sinalou que nos últimos actos informativos que realizaron os integrantes de Salvemos a Fracha puideron comprobar que "a cidadanía non ten nin idea de en que consiste este corredor" e os pontevedreses teñen a falsa concecpión de que se trata dunha circunvalación, pero, cando consultan os planos oficiais do Ministerio de Fomento, a práctica totalidade da xente amosa o seu rexeitamento á A-57-