Funcionarios do centro penitenciario da Lama salvaron a vida dun interno que prendeu lume á cela na que se atopaba para esixir o seu traslado a outra prisión.
O incidente, segundo informou o sindicato ACAIP-UXT, produciuse esta madrugada, pouco despois das doce da noite, no módulo 11 do cárcere pontevedrés, un módulo ordinario de cumprimento que alberga a internos reincidentes.
O presidiario, a través do interfono da súa cela, ameazou ao funcionario que vixiaba o módulo con queimar as súas dependencias se non era trasladado a outro centro.
A pesar de que o funcionario tentou que se tranquilizase e explicoulle que era imposible atender a súa petición nese momento, o interno non depuxo a súa actitude e lanzou a súa televisión e parte dunha cadeira pola xanela da súa cela.
Tras iso, relatan os portavoces dos traballadores, prendeu lume ao colchón e a todas as súas pertenzas, ocasionando un incendio que foi extinguido polos propios funcionarios utilizando dous extintores e unha mangueira.
O interno, que se atopaba no chan da cela, foi rescatado e trasladado á enfermería do centro para ser atendido e onde permanece en observación.
A densa fumareda tamén provocou que o resto dos internos da galería visen alterado o seu descanso, tendo que ser tranquilizados polos funcionarios de servizo.
Debido a este novo incidente, desde ACAIP-UXT piden dotar de medios e formación en materia de extintores e equipos de respiración autónoma a todos os traballadores do penal, unha formación coa que, segundo denuncian, non contan os traballadores.